O Concello de Narón está a desenvolver e programar diferentes actuacións de reparación e reforzo do firme en varios camiños e rúas do municipio co obxectivo de mellorar o estado da rede viaria e garantir a seguridade da circulación. Estas intervencións responden tamén á deterioración que experimentaron algúns viais nas últimas semanas como consecuencia das intensas chuvias, coa aparición de fochancas e o desgaste do pavimento en distintos puntos do termo municipal.
Unha das actuacións xa executadas corresponde ao reforzo do firme no camiño da Carballeda, na parroquia do Val. Actualmente, tamén se están a desenvolver traballos de reposición do pavimento asfáltico en varios camiños das zonas de Pedregal, Villallonte, A Chousa, Vilares, Calliqueira e outros puntos do municipio. Esta intervención conta cun investimento total de algo máis de 170.000 euros, dos que ata finais do mes de febreiro xa se executaran 112.000 euros, quedando pendentes os restantes. O prazo previsto para rematar estas obras esténdese ata o 15 de abril.
Ademais, o Concello vén de formalizar outros contratos para continuar mellorando o estado do firme en diferentes puntos de Narón. Entre as actuacións previstas, que se iniciarán nos próximos días, figuran traballos de reparación asfáltica en camiños de Ferrerías e Corredoira, así como nas rúas San Pedro e Soria; a repavimentación con aglomerado en camiños das zonas de Cerdeiras, Capela da Ruxida, Río Seco, Carballal e Lodairo; e tamén o reforzo do firme en camiños de Bazón, Borreíros, Borrallada, Redondo, Camiño das Murallas e outros viais.
Desde o goberno local subliñan que os traballos de asfaltado dependen en gran medida das condicións meteorolóxicas, polo que as actuacións iranse executando de forma progresiva a medida que o estado do firme permita realizar os aglomerados con garantías técnicas.
Con estas intervencións, o Concello de Narón continúa coa súa planificación de mantemento e mellora da rede viaria municipal, priorizando aqueles puntos nos que se detecta un maior desgaste do pavimento e onde resulta necesario actuar para mellorar a seguridade da mobilidade no municipio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


