O Pazo da Cultura de Narón abre este venres unha nova edición do Festival Singular que durante todo o mes de marzo converterá a cidade nun punto de encontro para as artes escénicas contemporáneas. A programación desta undécima edición inclúe doce espectáculos de compañías galegas, estatais e internacionais, entre os que destacan catro estreas: dúas absolutas no Estado e dúas en Galicia.

O festival principia co cartel de todo vendido para a estrea en Galicia de El hijo de la cómica. Protagonizada por José Sacristán, esta montaxe intimista reflexiona sobre a memoria, o teatro e a relación entre escena e vida a través da figura dun actor imprescindible que repasa a súa traxectoria persoal e artística.
Entre as estreas absolutas no Estado destacan as propostas internacionais Ser Humana, da compañía uruguaia Baco Teatro, e Girasoles para María, da compañía cubana Teatro El Público. A primeira é unha creación escénica centrada na identidade, o corpo e a vulnerabilidade humana, mentres que a segunda aborda, desde unha mirada poética e social, a memoria e as violencias silenciadas.
Este ano Uruguai é o país convidado do festival, e a compañía de Ser Humana realizará ademais unha residencia artística no Pazo da Cultura entre o 10 e o 12 de marzo, reforzando así o intercambio creativo e profesional entre artistas de Galicia e Latinoamérica.
Outra das estreas destacadas este ano será Sahara. La barca del desierto, que chega por primeira vez a Galicia cunha proposta que combina narración, memoria e compromiso social para achegar ao público a realidade do pobo saharauí e a súa historia de exilio.
Entre os espectáculos máis agardados da programación figura tamén Bailar Agora, da creadora galega Marta Alonso Tejada, unha peza que mestura danza e humor para reflexionar sobre o paso do tempo, o corpo e a necesidade de seguir bailando —literal e metaforicamente— no presente.
Destaca tamén La mujer rota, adaptación escénica protagonizada por Anabel Alonso baseada no texto de Simone de Beauvoir, que propón unha intensa reflexión sobre a identidade, o amor e a ruptura desde a perspectiva dunha muller que revisa a súa vida tras unha crise persoal.
O festival reserva ademais un espazo destacado para o público infantil e familiar co Singulariño, que inclúe espectáculos galegos como Esperta o Rinoceronte, As aventuras de Mariña, Estrafalaria e Canta, Buguina, canta, propostas pensadas para achegar as artes escénicas aos máis pequenos a través de historias sobre amizade, a natureza, a diversidade ou a igualdade.
Completan a programación montaxes galegas como Chegar e encher e Costa da Morte. Cartografías dun Naufraxio, que pecharán unha edición na que tamén haberá formación, encontros profesionais e actividades sectoriais arredor das artes escénicas.
Xunto á programación artística, o festival complétase cunha serie de actividades paralelas de carácter profesional e formativo, entre as que destacan tres obradoiros especializados con Noemí Rodríguez, Esther Carrodeguas e a creadora uruguaia Angie Oña.
Ademais, celebrarase un encontro sobre modelos de festivais internacionais de artes escénicas, unha rolda de negocios entre programadores nacionais e internacionais e compañías galegas e a asemblea da Rede Euro-latinoamericana de Artes Escénicas (REDELAE), que reunirá en Narón a representantes de festivais e institucións culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos.
Con esta programación, o Festival Singular consolídase como un espazo de exhibición, formación e encontro profesional que conecta a creación galega coas redes internacionais e que sitúan Narón á vangarda das artes escénicas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
