Narón acolle un seminario intensivo gratuíto de defensa persoal feminina

O Concello de Narón e a Deputación da Coruña organizan o próximo 11 de abril un seminario intensivo de defensa persoal feminina, unha actividade formativa gratuíta dirixida a mulleres de todas as idades que terá lugar no Pavillón da Mocidade da Gándara.

Esta iniciativa enmárcase no III Plan de Igualdade do Concello de Narón e do programa provincial de Defensa Persoal Feminina, a través do que xa se formaron máis de 1.200 mulleres en distintos concellos da provincia, ofrecendo ferramentas prácticas para mellorar a seguridade persoal e a capacidade de resposta ante posibles situacións de risco.

O curso, de tres horas (10:00 a 13:00 horas) e cun máximo de 75 participantes, combinará contidos teóricos e exercicios prácticos adaptados a diferentes niveis e condicións físicas. Durante a sesión, as participantes aprenderán técnicas básicas de prevención, control emocional e reacción ante agresións, así como estratexias para reforzar a confianza e a autonomía persoal.

As persoas interesadas poden formalizar a súa participación a través do formulario de inscrición no portal web de deportes da Deputación, disponible no enlace: https://bit.ly/4l9XmGf

Desde o Concello de Narón anímase ás mulleres do municipio e da contorna a participar nesta actividade, que busca promover a seguridade, a prevención e o empoderamento feminino a través de formación práctica.

Lea también

O CIMIX acolle a presentación da nova obra de Masafret «Xuvia, corazón de Narón»

O histórico barrio naronés de Xuvia volve sobre a súa historia este venres 10 no …