O Concello de Narón, a través da Oficina de Transformación Comunitaria, continúa a desenvolver accións informativas e de proximidade para achegar á veciñanza as posibilidades de aforro e eficiencia enerxética, así como para fomentar a participación en iniciativas colectivas relacionadas coa transición enerxética.
Neste marco, acollerá dúas novas charlas abertas no Pazo da Cultura dirixidas tanto á veciñanza como a entidades locais e a todas as persoas interesadas en coñecer mellor as ferramentas dispoñibles para reducir o consumo eléctrico e participar en proxectos enerxéticos compartidos.
A primeira sesión terá lugar o 16 de marzo ás 19.00 horas baixo o título “Como acceder ás axudas públicas: guía práctica para a veciñanza e as entidades”, e centrarase en explicar de maneira sinxela as subvencións e programas de apoio existentes para mellorar a eficiencia enerxética.
Ao día seguinte, o 17 de marzo tamén ás 19.00 horas, celebrarase a charla “Narón en comunidade: unha ferramenta para o aforro e a independencia enerxética”, na que se abordarán as posibilidades que ofrecen as comunidades enerxéticas para reducir custos e impulsar modelos de consumo compartido. Ademais destas sesións divulgativas, o Concello anima á cidadanía a participar nunha enquisa destinada a coñecer mellor as necesidades, intereses e expectativas da poboación en materia enerxética.
O cuestionario pode cubrirse a través do código QR presente nos materiais informativos difundidos no marco destas accións. Como incentivo á participación, entre todas as persoas que completen a enquisa sortearase un pack de tres enchufes intelixentes, un dispositivo que permite controlar e optimizar o consumo eléctrico nos fogares.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
