Valdoviño entrega este sábado o galardón 8M a María Jesús García no acto central do Día da Muller

Celébrase na casa da cultura, a partir das 18 horas e inclúe a estrea teatral de “Mulleres en tempos dalgún día”, do grupo do Centro Cultural Rosalía.

Valdoviño celebra este sábado 7 ás 18.00 horas o acto central da programación deseñada para conmemorar o Día Internacional da Muller neste 2026. Nel, o alcalde, Alberto González, e as concelleiras de Igualdade e Cultura, Rosana García e Tamara Sabín, farán entrega do galardón 8M, que este ano recibirá María Jesús García Funcasta, máis coñecida por Chus.

Unha das grandes valedoras do movemento asociativo e do seu papel como dinamizador sociocultural. Neste caso, dende Lago. Chus tomará o relevo de Mercedes Varela (AVV Vilarrube), Mercedes González (ACR A Frouxeira de Valdoviño) e Ana María Bouza (Centro Cultural Rosalía de Vilaboa), recoñecidas nos anos precedentes, e coas que compartiu traballo e compromiso.

No acto, que terá lugar no auditorio da casa da cultura con entrada libre ata completar aforo, o grupo de teatro do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa estreará a súa segunda producción: “Mulleres en tempos dalgún día”, escrita e dirixida por Ana María Bouza. Vén precedida polo extraordinario éxito da súa primeira obra, “Que che vaia ben meu canciño de palleiro”, que poñían en escena co gallo do Día das Letras Galegas 2025, e nela falarán da realidade cotiá das mulleres no século XX, recurrindo ao humor e á retranca para visibilizar e denunciar a desigualdade entre mulleres e homes.

O Concello de Valdoviño subscribe a Declaración Institucional da Deputación da Coruña polo 8 de marzo, Día internacional das mulleres:

(Por unanimidade, a corporación municipal de Valdoviño aprobaba en pleno o texto)

“Ás portas do 8 de marzo de 2026, esta Corporación volve atoparse nas rúas, nos centros de traballo, nas aulas e tamén nas redes, convocada por unha certeza política e moral: “a igualdade entre mulleres e homes segue sendo unha tarefa pendente”. A ofensiva global contra os dereitos das mulleres, alimentada pola ultradereita e polos discursos negacionistas, pretende presentar a igualdade como un privilexio e non como un dereito democrátïco básico. Cada paso atrás nos dereitos das mulleres é un golpe contra a democracia mesma.

A realidade das mulleres galegas continúa marcada por desigualdades estruturais no ámbito laboral, económico, social e político. Persisten a fenda salarial, a precariedade, a feminización da pobreza e a desigualdade nas pensións, situacións que se agravan no rural pola menor dispoñibilidade de servizos públicos e políticas específicas. Esta Corporación reafirma o seu compromiso firme coa promoción da igualdade real e efectiva e coa erradicación de todas as formas de discriminación.

Vivimos nun mundo atravesado por pantallas, redes e algoritmos que condicionan o traballo, as relacións e mesmo as emocións. Neste novo escenario, as mulleres construímos comunidade, creatividade e resistencia, mais tamén somos obxecto dunha hostilidade crecente. “A machosfera dixital converteuse nunha rede organizada de acoso e odio” que busca expulsar ás mulleres do espazo público. Sete de cada dez mulleres novas sufriron violencia en liña no Estado español, unha violencia que non é menos grave por ser virtual.

As redes sociais convertéronse no principal espazo de socialización da infancia e da adolescencia. Urxe unha coeducación que chegue á esfera dixital, que forme en pensamento crítico fronte aos discursos machistas e que ensine a mirar con ollos feministas os corpos, os algoritmos e as mensaxes que circulan pola rede. As nenas deben medrar libres de estereotipos e sen seren convertidas en mercadorías para plataformas que se lucran coa súa exposición.

Esta Corporación reitera o seu rexeitamento a espazos que branquean o negocio do sexo e normalizan a explotación sexual ou a cousificación do corpo feminino. É imprescindible educar aos nenos en novas formas de ser homes, afastadas do control, da dominación e da violencia. Do mesmo xeito, alertamos fronte ao rexurdimento de discursos que presentan a submisión feminina como liberación: “a submisión non é empoderamento”.

No ámbito da violencia de xénero, o incremento de feminicidios no ano 2025 e a ausencia de respostas extraordinarias por parte dos poderes públicos evidencian a necesidade de reforzar as políticas de prevención, protección e reparación. Denunciamos o retroceso, o negacionismo machista e a banalización da violencia, e recoñecemos o papel esencial das redes de sororidade e do feminismo organizado na defensa dos dereitos das mulleres.

A transformación dixital ofrece oportunidades, pero non será liberadora se reproduce as desigualdades de sempre. É necesario avanzar cara a unha axenda feminista para a era tecnolóxica, que inclúa a regulación das plataformas, a responsabilidade das corporacións tecnolóxicas e a protección efectiva da infancia e da adolescencia fronte aos contidos sexualizados e violentos. A igualdade dixital é condición imprescindible para a igualdade real.

O feminismo naceu para conquistar o espazo público e hoxe reivindica tamén a conquista do espazo virtual. Porque sen igualdade na rede non haberá igualdade na vida. Porque o futuro, se quere ser humano, terá que ser feminista. E porque se o patriarcado se reinventa, nós tamén.

Por todo isto, esta Corporación afirma con rotundidade que non dará “nin un paso atrás fronte ao odio e a reacción” e que sempre plantará cara a calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de selo”.

Lea también

Plazas agotadas para asistir en Neda al taller de cenas rápidas y saludables

Un total de 30 personas participan este lunes en el taller «Cenas rápidas y saludables …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *