Coincidindo coa programación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello das Pontes fai público o balance das actuacións desenvolvidas ao longo do ano 2025, un exercicio marcado pola consolidación da atención directa, o reforzo da coordinación institucional fronte á violencia de xénero e a intensificación das accións de sensibilización e conciliación.
Tania Pardo, concelleira de Igualdade apunta que “cada atención psicolóxica, cada asesoramento xurídico e cada actividade de sensibilización teñen detrás historias de vida que nos lembran a importancia de seguir reforzando as políticas públicas de igualdade desde o ámbito local”. Pardo engade que “a igualdade real e efectiva non é unha meta xa acadada, senón un traballo constante que require compromiso institucional e implicación social para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, máis democrática e verdadeiramente igualitaria”.
Durante 2025 o CIM realizou un total de 1.986 atencións, o que evidencia a súa relevancia como recurso público esencial no municipio. En concreto, rexistráronse 164 consultas de asesoramento xurídico, 1.337 atencións psicolóxicas, 471 intervencións específicas con vítimas de violencia de xénero, así como consultas relacionadas con información de recursos, actividades formativas, orientación laboral e outras demandas. Estes datos reflicten non só o volume de traballo do centro, senón tamén a confianza da cidadanía nun servizo especializado, accesible e de proximidade.
O CIM, activo no municipio desde 2005, continúa a desempeñar un papel clave como recurso de referencia na defensa dos dereitos das mulleres, ofrecendo acompañamento integral en situacións de vulnerabilidade e intervención profesional en contextos de violencia machista.
A atención psicolóxica constitúe unha das áreas máis demandadas, evidenciando a importancia do apoio emocional e terapéutico tanto en procesos de violencia como noutras situacións de dificultade persoal. Pola súa banda, o asesoramento xurídico permite orientar e acompañar ás mulleres en procedementos legais, separacións, custodia, denuncias e outros trámites relacionados cos seus dereitos.
Por outra banda, durante ano 2025 o CIM desenvolveu 22 actividades, 11 dirixidas directamente a persoas físicas e 11 abertas á sociedade en xeral, combinando intervención individual, formación especializada, programas comunitarios e campañas de sensibilización.
No ámbito da loita contra a violencia de xénero, 2025 estivo marcado polo fortalecemento da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional (MLCI), espazo de traballo no que participan forzas e corpos de seguridade, servizos sociais, ámbito sanitario, sistema educativo e persoal técnico municipal. Dentro deste marco desenvolveuse a formación “Trata e Prostitución: Detección, Coordinación e Resposta Interinstitucional”, dirixida a profesionais que interveñen na detección e acompañamento de vítimas.
A sesión permitiu profundar no coñecemento das redes de trata, nos protocolos de coordinación e nas pautas de intervención especializada, reforzando a resposta integral no ámbito local.
No plano da sensibilización social, o Concello desenvolveu unha intensa programación tanto arredor do 8M como do 25N. O 8 de marzo celebrouse a lectura da Declaración Institucional no salón de plenos, reafirmando o compromiso municipal coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación da fenda salarial, a promoción da corresponsabilidade nos coidados e a defensa dos dereitos das mulleres fronte a calquera retroceso.
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desenvolveuse unha programación específica baixo o lema “Non as fagas invisibles. Afina a mirada”, centrada en visibilizar as violencias máis normalizadas e invisibilizadas. Entre as accións destacadas do 25N estivo a lectura do manifesto institucional diante da Casa Consistorial e a instalación da exposición “Que hai detrás da prostitución?” nos corredores da Casa Dopeso, elaborada pola Rede Galega contra a Trata. Esta mostra, que por primeira vez situou a trata e a explotación sexual como eixo central da campaña municipal, convidou á reflexión sobre os mitos que rodean a prostitución e o impacto estrutural da desigualdade de xénero.
A prevención temperá constituíu outro dos piares do traballo desenvolvido. Durante o mes de novembro instaláronse Puntos Lilas nos institutos do municipio, cunha intervención directa con arredor de 556 estudantes de secundaria e bacharelato. A través de dinámicas participativas abordáronse cuestións como o consentimento, as violencias sexuais, o sexting e o impacto da pornografía na adolescencia, fomentando a reflexión crítica e a corresponsabilidade na prevención das agresións.
No ámbito comunitario consolidáronse programas estables como o Obradoiro de Memoria, dirixido a mulleres maiores, que contou en 2025 con 24 participantes e lista de espera. Desenvolvido ao longo de todo o ano pola psicóloga do CIM, este espazo combina estimulación cognitiva con creación de rede social e apoio emocional, contribuíndo ao benestar integral das participantes e reforzando a súa participación activa na vida social.
Outro dos eixos estratéxicos foi a conciliación da vida familiar e laboral a través dos Campamentos Urbanos organizados durante Nadal, Semana Santa e Verán. Ofertáronse 30 prazas nos períodos de Nadal e Semana Santa e ata 70 prazas nos meses estivais, consolidando este recurso como unha ferramenta clave para favorecer a empregabilidade feminina e avanzar na corresponsabilidade dos coidados. As actividades desenvolvéronse con perspectiva de xénero, visibilizando referentes femininos e promovendo valores de igualdade, respecto e solidariedade entre as crianzas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
