A Diputación da Coruña abre prazo para solicitar espectáculos da Rede Cultural 2026

O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros e a Deputación financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada municipio. A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que a Rede volverá ser este ano unha das «ferramentas centrais» para «garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia».

A Deputación da Coruña abriu o prazo para que concellos e entidades soliciten espectáculos dentro da Rede Cultural 2026, prazo que ficará aberto até o vindeiro día 20 ás 14:00 horas. O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Segundo establecen as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia, a institución provincial financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada concello.

A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que a Rede Cultural «será, un ano máis, unha das ferramentas centrais da Deputación da Coruña para garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia». Farao, ademais, «consolidando un modelo de cooperación cos concellos que permite programar actividades culturais de maneira estábel» nos 93 municipios da provincia.

O catálogo da Rede Cultural estrutúrase en catro programas: Escena ao Vivo! (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), Visións (cinema e contidos audiovisuais), Lingua a Escena! (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos orientados á dinamización social da lingua galega) e Alicerce (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

No caso de Alicerce, ademais dos concellos, poden contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.

Nesta edición figuran inscritas un total de 2.158 propostas de espectáculos, número moi similar á do ano anterior e tamén cunha distribución parella nas diferentes disciplinas artísticas ou categorías. Dentro de Escena ao Vivo! inclúense 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de danza e 91 de maxia. A convocatoria Visións reúne 89 propostas audiovisuais, mentres que Lingua a Escena! conta con 68 espectáculos e o programa Alicerce suma 427 espectáculos.

Durante o proceso de revisión avaliáronse un total de 2.813 expedientes. Finalmente quedaron descartados 77 por diferentes motivos, dos cales 37 corresponden a espectáculos.

No caso de Lingua a Escena!, a comisión correspondente valorou 120 propostas, das que finalmente quedaron inscritas 68. Pola súa banda, na categoría de danza de Escena ao Vivo! a comisión valorou 95 propostas, quedando inscritas 79. Nos dous casos, as propostas descartadas nestas categorías quedaron inscritas noutras categorías de Escena ao Vivo!.

Resolución de axdudicación

A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 8 de abril no caso dos concellos e antes do 15 de maio no caso das entidades. As actuacións terán lugar no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2026 e até o 31 de marzo de 2027.

Lea también

Este martes, inauguración oficial de la muestra «Imágenes de la Historia», en el Museo Naval de Ferrol

En el Museo Naval de Ferrol se ofrece una magnífica exposición, «Imágenes de la Historia» …