A CIG fai un chamado a converter este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de mobilización contra a precariedade e a desigualdade, para reivindicar traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos. Aínda que o sindicato nacionalista ten convocadas un total de 14 mobilizacións, os actos centrais do día terán lugar en Ferrol, coa tradicional ofrenda floral ao pé do monumento 10 de Marzo, ás 11:30 horas, e cunha
manifestación que sairá ás 20:00 horas do local sindical e rematará no Cantón.
Nesta data “as demandas de liberdade, contra a precariedade das condicións laborais, por salarios xustos e pola defensa da negociación colectiva en Galiza seguen vixentes e son de actualidade”, salientou o secretario comarcal da
CIG de Ferrol, Xoán Galdo, quen compareceu en rolda de prensa coa responsábel comarcal de Muller, Teresa Carballido.
«Nun contexto marcado polo empobrecemento xeneralizado, os baixos salarios e as desigualdades impostas polas políticas neoliberais e as últimas reformas laborais, a mobilización convértese no camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade, porque alén das cifras macroeconómicas, o continúo medre da carestía da vida dificulta cada día máis facer a compra e acceder a unha vivenda digna”. Galdo criticou que se pretenda normalizar a precariedade laboral, o traballo a tempo parcial e a contratación fixa descontinua, mentres a temporalidade segue existindo, as condicións laborais e os salarios son peores e aumenta o risco de pobreza.
«Todo isto – engadiu – cunha forte presión do capitalismo para afondar as políticas máis neoliberais e máis depredadoras “a calquera custe” e buscando criminalizar con esta fin toda resposta social».
Galdo instou á mobilización social e construción de poder popular para poder “avanzar en dereitos, conseguir dos Gobernos políticas alternativas e facer real o chamado da CIG neste 10 de Marzo: na Galiza, traballo digno, pobo con dereitos”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
