A 34ª edición de Galicia en Foco chega ó andar superior da Casa da Xuventude da vila de Ares até o vindeiro día 20 aglutinando nesta exposición fotográfica as mellores imaxes publicadas nos medios de comunicación galegos durante o ano 2024.
A mostra, realizada polo Club de Prensa de Ferrol e que se instala no municipio froito da colaboración coa concellaría de Cultura, volve a retratar os grandes acontecementos vividos en Galicia nestes últimos tempos, facendo unha crónica social e cultural do pobo galego a partir das miradas particulares dos profesionais da comunicación.
Galicia en Foco constata así o seu interese por divulgar o traballo dos fotoxornalistas galegos, recoñecendo o seu profesionalismo e a súa
capacidade de documentar a nosa realidade contemporánea.
De feito, entre as instantáneas que compoñen a exposición tamén se atopan as galardoadas nesta trixésimo cuarta edición: ‘Política municipal’, fotografía do ano 2024 feita por Miguel Ángel López e ‘O Grande Esmorecemento’, de Brais Lorenzo, serie gañadora do ano que captura a forma de vida de aqueles que resisten a abandonar o rural galego, contribuíndo a preservar do olvido a cultura e patrimonio desa contorna social nun tempo de aceleración en todo o globo.
A exposición poderá visitarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h. e tamén en horario de tarde de venres a domingo de 19:00 a 22:00 horas, con entrada libre e gratuíta, até o 20 de marzo.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.



