Valdoviño rende homenaxe a María Jesús García Funcasta no Día da Muller

O acto central terá lugar sábado ás 18 horas no auditorio da casa da cultura, e incluirá a estrea da obra teatral «Mulleres en tempos dalgún día».

No Día da Muller, o Concello de Valdoviño rende homenaxe este ano a María Jesús García Funcasta, recoñecendo así o seu compromiso coa dinamización sociocultural da parroquia de Lago ao longo dos últimos 40 anos.

Recibirá o galardón no acto central da programación 8M «Somos e Contamos», que se celebra este sábado 7 de marzo ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura.

Un acto que incluirá, ademais, a estrea da obra «Mulleres en tempos dalgún día«, a cargo do grupo de teatro do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa.

En 1979, María Jesús García Funcasta, «Chus», convertíase na primeira muller que pasaba a formar parte da xunta directiva da asociación de veciños, impulsando proxectos e iniciativas que marcarían unha transformación radical da parroquia.

Entre eles, a creación do local social na década dos 80, a posta en marcha das primeiras actividades (baile, gaita, judo ou fútbol sala masculino e feminino) ou a construción da pista deportiva.

Un intenso labor que compatibilizou coa súa actividade profesional en Gairesa, todo un referente empresarial en España e unha firma comprometida co desenvolvemento do territorio.

Dende o Concello, anímase á veciñanza a asistir este sábado ao acto, no que María Jesús García Funcasta recibirá o galardón que entrega o Concello no acto central do Día da Muller, e que ata a data recaeu en Mercedes Varela (2025), Mercedes González (2024) e Ana María Bouza (2023).

 

OBRA TEATRAL

O acto incluirá tamén a representación da peza «Mulleres en tempos dalgún día», do grupo de teatro do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa. Escrita e dirixida por Ana María Bouza, está integrada por diferentes escenas representativas do día a día das mulleres no século pasado, onde tirando do humor, se dá visibilidade a unha realidade marcada pola desigualdade.

Trátase da segunda obra da compañía, tras o rotundo éxito de «Que che vaia ben meu canciño de palleiro», un reflexo da realidade das aldeas galegas que loitan por seguir vivas, que saúdan a achegada de novos veciños e veciñas con alegría e máis recelo, estreada o pasado ano co gallo do Día das Letras Galegas.

Lea también

La ESENGRA estrecha lazos con Japón en Ferrol mediante una clase magistral de sushi

Las instalaciones de la Escuela de Especialidades de la Estación Naval de la Graña (ESENGRA) …