Pegadas Seguras, o modelo de educación viaria de Narón que busca estenderse a outros concellos

O departamento de Educación Viaria do Concello de Narón reforza a súa aposta por introducir a seguridade viaria desde as primeiras idades a través do proxecto Pegadas Seguras, unha iniciativa que busca consolidarse como modelo educativo exportable a outros municipios.

A última reunión de coordinación, celebrada o pasado 24 de febreiro, reuniu ao profesorado de Educación Infantil dos dez colexios do municipio co obxectivo de poñer en común o traballo desenvolvido nas aulas e planificar as accións previstas para o terceiro trimestre.

Pegadas Seguras naceu o curso pasado impulsado polo Departamento de Educación Viaria do Concello de Narón en colaboración co profesorado de Infantil. Está dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e integra a educación viaria no currículo de maneira transversal, adaptada á idade e cun enfoque lúdico.

O programa vai máis alá das normas básicas de tráfico. Incorpora contidos sobre hábitos seguros como peóns e ciclistas, mobilidade sostible, autoprotección, primeiros auxilios básicos, respecto polo entorno e convivencia cidadá. Todo isto trabállase no día a día da aula e en coordinación coas familias, reforzando a aprendizaxe tamén fóra do ámbito escolar.

No último encontro celebrado, o profesorado compartiu experiencias, materiais e actividades desenvolvidas durante o primeiro trimestre e parte do segundo. Ademais, retomouse a planificación das accións do terceiro trimestre, entre asque destacan as saídas en bicicleta, unha das actividades prácticas máis valoradas dentro do proxecto.

Desde o departamento municipal subliñan que este tipo de reunións permiten enriquecer a iniciativa a través do intercambio de ideas entre centros e consolidar unha liña de traballo común en materia de educación viaria en todo o termo municipal.

O Concello de Narón valora moi positivamente a implicación do profesorado e a boa acollida que está a ter Pegadas Seguras, unha experiencia educativa innovadora no ámbito local.

Co obxectivo de darlle visibilidade, o departamento de Educación Viaria manifesta a súa disposición a ofrecer información, asesoramento e compartir a experiencia con outros concellos e centros educativos interesados en implantar un proxecto similar, reforzando así a prevención e a cultura da seguridade viaria desde as primeiras etapas educativas.

Lea también

Narón reforza o compromiso coa igualdade e aproba unha moción fronte ao “rearmamento do machismo”

O pleno ordinario do mes de febreiro do Concello de Narón aprobou unha moción para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *