Narón reforza o compromiso coa igualdade e aproba unha moción fronte ao “rearmamento do machismo”

O pleno ordinario do mes de febreiro do Concello de Narón aprobou unha moción para avanzar na igualdade real e efectiva fronte ao “rearmamento do machismo”, reforzando o compromiso institucional coa defensa dos dereitos das mulleres e a loita contra as desigualdades de xénero, coincidindo coa celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
 
 
O acordo aposta por consolidar e impulsar políticas públicas orientadas á prevención das violencias machistas, á sensibilización social e á promoción de valores igualitarios, incidindo especialmente na importancia da educación e da concienciación como ferramentas clave para combater actitudes e discursos que cuestionan os avances acadados en materia de igualdade.
 
A moción tamén destaca o papel das administracións locais como axentes fundamentais na promoción da igualdade de oportunidades, recollendo o compromiso municipal de continuar desenvolvendo programas e campañas de sensibilización en colaboración co tecido social e asociativo, con especial atención á mocidade e ao ámbito comunitario.
 
Coa aprobación desta iniciativa, a corporación municipal reafirma a igualdade como un dos eixos das políticas públicas locais e reforza o traballo que o Concello desenvolve ao longo do ano para promover unha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de discriminación.
 
Durante a sesión plenaria tamén se avalou por unanimidade a proposta da Alcaldía de nomeamento da Muller do Ano 2026, un recoñecemento co que o Concello distingue anualmente a traxectoria persoal e profesional de mulleres que destacan pola súa contribución social, cultural, educativa ou comunitaria no municipio.
 
Este galardón forma parte das actividades organizadas arredor da conmemoración do Día Internacional da Muller e ten como obxectivo visibilizar referentes femininos e poñer en valor o seu papel no desenvolvemento social de Narón. Outros acordos A sesión plenaria incluíu a resolución do expediente de interpretación da fórmula de revisión de prezos do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, adxudicado en 2021 por un período de dez anos. O pleno aprobou definitivamente a interpretación do contrato, asumindo o criterio marcado polo Consello Consultivo de Galicia e permitindo así actualizar o prezo do servizo municipal.
 
A corporación aprobou tamén inicialmente por unanimidade a modificación das bases orzamentarias para incorporar as subvencións nominativas previstas para 2026 que non figuraban no documento prorrogado. A medida permitirá formalizar axudas directas xa dotadas economicamente e destinadas principalmente a entidades sociais, sanitarias, educativas e deportivas do municipio e da comarca. Entre elas inclúense programas de atención a persoas en risco de exclusión, colectivos con discapacidade, enfermidades neurodexenerativas ou apoio a vítimas de violencia machista, ademais de financiamento para clubs deportivos e actividades educativas.
 
Outro dos acordos aprobados por todos os grupos políticos con representación no Concello foi o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión das competencias de convocatoria e selección do persoal da Policía Local. Mediante este acordo, a Administración autonómica asumirá durante catro anos a organización dos procesos selectivos das distintas categorías do corpo policial e das prazas de auxiliares, incluíndo a convocatoria e desenvolvemento das probas a través dos sistemas unificados autonómicos.
 
O pleno convalidou, así mesmo, co voto a favor de todos os membros a proposta relativa ao contrato de explotación da cafetería-ambigú da Casa do Concello, que consiste na devolución da garantía definitiva depositada pola anterior adxudicataria tras a finalización do servizo. No pleno de febreiro deuse conta do informe de morosidade e período medio de pagamento correspondente ao cuarto trimestre de 2025, no que se recolle o estado dos pagamentos municipais a provedores e o cumprimento dos prazos establecidos pola normativa estatal.
 
Así mesmo, o pleno comunicou o informe trimestral de intervención relativo á execución orzamentaria e ao control financeiro municipal, no que se analiza a situación das contas locais, o grao de execución dos ingresos e gastos e o cumprimento das regras fiscais vixentes. Mocións No apartado de mocións, saíron adiante dúas presentadas polo grupo municipal do PP.
 
A primeira, instando a solicitar á Dirección xeral de Mobilidade a realización dun estudo que permita a ampliación da liña A de viaxeiros, traxecto Porto-O Puntal ao seu paso polo Concello de Narón. Tamén a que solicitaba una liña específica de subvencións destinada a clubs e entidades de baile deportivo no Concello de Narón.
 
Aprobáronse igualmente as mocións do BNG para “instar ao Concello a que abra o proceso de subvencións nominativas 2026” e “reclamar que se garanta un financiamento xusto e un modelo público do servizo de axuda no fogar”. No caso do PSdeG, validouse a moción presentada para reclamar “un plan urxente económico para mitigar os efectos negativos da peatonalización da Rúa Reis Católicos”.

Lea también

El Club de Golf Campomar acoge la ‘Ruta do Viño 2026’

El Club de Golf Campomar acogió esta semana la primera prueba del circuito de La …