O BNG de Narón presentou este sábado na asemblea local o seu relevo natural no liderado da candidatura. Geno Carballeira, ata agora número dous do grupo municipal -e que se presenta despois de ser proposto polo consello local nunha asemblea participativa e onde a ilusión desbordaba- asume o reto de encabezar un proxecto que Marta Grandal, responsábel local, definiu coma «o motor de cambio que Narón precisa”
Olaia Ledo, actual voceira municipal, foi quen presentou a proposta e destacou na súa intervención a figura de Carballeira como unha persoa que «une a sabedoría, traballo militante, honestidade e humildade coa capacidade de xestión”.
Pola súa banda, Geno Carballeira subliñou que a súa intención é «continuar co traballo feito e que queda por facer de Ledo, quen deixa un BNG máis forte e organizado». O novo candidato puxo o foco na necesidade de «transformar os servizos sociais«; e converter os espazos públicos en lugares para vivir e non só de paso “É o momento de que o BNG dea un paso adiante en Narón e ser alternativa de goberno. Nas últimas eleccións galegas
acadamos máis de 6.000 votos na nosa cidade e quero hoxe asumir a responsabilidade de que Narón confíe en nós para gobernar o concello mirando á veciñanza de igual a igual” incidiu o vindeiro candidato ás eleccións “temos que fortalecer os servizos sociais tan deteriorados; crear espazos de ocio e seguros para a mocidade, espazos públicos interxeracionais; promover o comercio de barrio e un transporte digno para todos e todas no rural, nos institutos e nos polígonos que hoxe non existe” remarcou Carballeira concluíndo que o que precisa Narón é “un goberno do BNG onde toda a cidadanía sexa por fin de primeira no noso concello e, en definitiva, o mellor lugar para vivir. Con ilusión e esforzo conseguirémolo”
Geno Carballeira
Geno Carballeira (Narón, 42 anos), é técnico en sistemas e seguridade. Na actualidade, desenvolve a súa actividade profesional nunha empresa multinacional con sede no polígono naronés Río do Pozo na sección de enxeñería. A súa experiencia no sector privado outórgalle unha visión pragmática da xestión e unha conexión directa co tecido industrial de Narón.
Militante activo do BNG, conta con sete anos de experiencia como concelleiro no Concello de Narón. Durante este tempo, destacou como un dos piares do grupo municipal na elaboración e defensa de propostas orzamentarias e plans de mobilidade centrados nas persoas.
Veciño activo no tecido social de Narón desde moi novo, chegou a ser presidente da AVV “A Naveira” de Doso durante anos. Defínese como «un veciño máis«, un traballador que compaxina a súa profesión co servizo público. O seu obxectivo é aplicar o rigor técnico e a proximidade veciñal para facer de Narón un concello con máis benestar, servizos fortalecidos e eficiente.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

