As Pontes licita as obras de mellora da rúa Pontedeume cun investimento de 211.599 euros

O Concello das Pontes vén de sacar a licitación as obras de mellora da pavimentación e dos servizos na Rúa Pontedeume, unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS+ 2023) da Deputación da Coruña, cun investimento total de 211.599,55 euros.

Rúa Pontedeume- As Pontes

O proxecto ten como obxectivo principal a transformación da rúa nun espazo máis accesible, seguro e adaptado ás necesidades actuais, nun viario con beirarrúas de ancho insuficiente — nalgúns puntos moi reducidas— que dificultan o tránsito peonil e impiden garantir un itinerario accesible e cómodo para todas as persoas.

Para iso, crearase unha plataforma única, sen desniveis entre beirarrúas e calzada, que favorecerá a mobilidade peonil e mellorará a integración do espazo público. Ampliaranse as zonas de paso ata garantir itinerarios accesibles, manterase un único sentido de circulación cara á Avenida de Vilalba e reorganizarase o estacionamento, concentrándoo nun só lado da vía para gañar espazo para as persoas.

As obras inclúen a renovación completa dos pavimentos, diferenciando claramente as zonas peonís, de circulación e de aparcamento mediante distintos acabados. Incorporaranse pavimentos podotáctiles para facilitar a orientación das persoas con discapacidade visual e habilitaranse prazas de estacionamento adaptadas conforme á normativa vixente. No ámbito das infraestruturas, executarase unha nova rede separativa de augas pluviais que permitirá mellorar a recollida e evacuación da auga da choiva, conectando coa rede xa existente na Avenida da Habana. Ademais, completaranse as acometidas domiciliarias con novas arquetas de rexistro nas vivendas que o precisen.

Tamén se renovará integramente o alumeado público. Retiraranse as luminarias actuais situadas nas fachadas dos edificios e instalaranse novas columnas con iluminación LED nas beirarrúas, mellorando a visibilidade, a seguridade viaria e a eficiencia enerxética. A nova disposición permitirá unha iluminación máis uniforme ao longo de todo o percorrido.

A actuación completarase coa instalación de novo mobiliario urbano —bancos, papeleiras e xardineiras— que contribuirá á humanización do espazo, así como coa correspondente sinalización horizontal e vertical, incluíndo novos pasos peonís e a sinalización das prazas de aparcamento.

Unha vez finalizado o proceso de licitación e adxudicadas as obras, iniciarase a execución dos traballos. Con esta intervención, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa mellora continua das infraestruturas municipais, apostando por rúas máis accesibles, modernas e pensadas para o benestar da veciñanza.

Lea también

Reanúdanse nas Pontes as obras na avenida de Galicia

As obras da cuarta fase do proxecto de renovación de pavimentos e servizos na avenida …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *