O Pazo da Cultura de Narón será escenario o próximo martes, 24 de febreiro, da XII edición do Proxecto Emprende Xove–Minimarket, que se desenvolverá en horario de 9.30 a 13.30 horas.

A iniciativa está organizada polo Concello de Narón, en colaboración con AJE Ferrolterra e a Deputación da Coruña, e conta co apoio de EFBS, 2K, Gadis, Rilo, Landra, Coca-Cola, Fanpa Ferrolterra, Academia Marga Carballo, Ortega Oil, London Institute, 2GL Construcciones e Clisser.
Na presentación celebrada este venres no Concello de Narón a alcaldesa de Narón. Marían Ferreiro, destacou que “esta iniciativa permite que a mocidade desenvolva o seu talento, gañe confianza nas súas capacidades e vexa o emprendemento como unha alternativa real de futuro. Desde o Concello seguiremos apoiando programas que impulsen o talento novo e a dinamización económica da comarca”.
O Programa Emprende Xove é un proxecto anual dirixido aos centros educativos da comarca co obxectivo de fomentar a cultura emprendedora entre a mocidade e presentar o emprendemento como unha opción real de futuro profesional. Durante varios meses, o alumnado participante recibe formación específica nos seus propios centros a través de obradoiros que complementan os contidos académicos nesta materia.
Estas sesións combinan coñecementos teóricos sobre a creación e xestión empresarial co desenvolvemento de competencias prácticas, como a creatividade, a resolución de problemas, o traballo en equipo ou a comunicación. Ao longo do programa, os estudantes elaboran plans de negocio innovadores e viables que culminan coa súa presentación pública no Minimarket, unha feira na que dispoñen dun espazo propio para expoñer os seus proxectos ante o público e un xurado profesional.
Nesta edición participará alumnado da ESO procedente de 14 centros educativos da comarca, entre eles tres de Narón: o IES Terra de Trasancos, o CPR Santiago Apóstol e o IES As Telleiras. Ademais, o programa inclúe tamén a categoría de Universidades. Os premios outorgaranse nas seguintes categorías: Mellor proxecto de ESO-Bacharelato, Mellor proxecto de FP, Mellor proxecto de Universidades, Accésit á Innovación e Accésit ao proxecto máis sostible.
O xurado estará integrado por membros da directiva de AJE Ferrolterra, representantes das entidades patrocinadoras e autoridades da comarca. Na última edición, o evento rexistrou un importante crecemento, con 44 proxectos presentados e 190 participantes, ademais dunha elevada afluencia de público interesado en coñecer as propostas impulsadas polos mozos e mozas.
A organización agarda repetir este éxito nunha nova xornada dedicada á innovación e ao espírito emprendedor.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
