Narón convértese no corazón do fútbol base galego co Campionato de Seleccións comarcais

As instalacións municipais de Río Seco, Narón, serán este martes de Entroido o punto de encontro das mellores seleccións comarcais sub-12 e sub-13 masculinas, nunha xornada que reunirá en Narón a máis de 300 promesas do fútbol galego e centos de familiares e afeccionados nas bancadas.

O evento, que se desenvolverá en horario de 10:00 a 21:00 horas, foi presentado no Concello de Narón coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o delegado comarcal da federación, Abraham Yáñez; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla; e o presidente do club Narón O Freixo, Rafael Pazos.

A xornada en Narón forma parte da denominada “gran festa do fútbol base galego”, que este ano se divide en dúas sedes: Mos acollerá o sábado 14 de febreiro as competicións femininas (sub-12 e sub-13), mentres que Narón será escenario das categorías masculinas o martes 17. En total, arredor de 600 deportistas —300 nenas en Mos e 300 nenos en Narón— participarán nesta cita deportiva.

Novo formato de competición

O Campionato Galego de Seleccións Comarcais estrea este ano novo formato, deseñado para reforzar tanto a excelencia deportiva como o carácter lúdico da xornada. A competición estrutúrase nunha única fase, dedicando un día completo ao fútbol feminino e outro ao masculino.

En cada categoría participarán oito seleccións comarcais (A Coruña, Ferrol, Santiago, A Costa, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), divididas en dous grupos de catro equipos. Tras a disputa dunha liguiña, as primeiras clasificadas de cada grupo xogarán a gran final para proclamarse campioas galegas.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou que Narón “está aberto a este tipo de actividades e eventos”, subliñando a importancia de dar visibilidade ao deporte base e cualificando a xornada como “un día especial para toda a comarca e para os rapaces de Narón”. Santalla agradeceu á federación que conte co municipio para organizar citas desta relevancia e puxo en valor o traballo do club Narón O Freixo e da delegación comarcal para garantir o correcto desenvolvemento do campionato.

O presidente da RFGF, Pablo Prieto, afirmou que Narón será “o epicentro do fútbol base de Galicia” durante esa xornada festiva, e salientou non só a dimensión deportiva, senón tamén o impacto que o evento terá na hostalaría e no comercio local, ao desprazárense xogadores acompañados das súas familias. Prieto agradeceu a colaboración do Concello, da Xunta e do club anfitrión, facendo fincapé na complexidade organizativa que supón coordinar a 300 deportistas e os seus acompañantes.

Pola súa banda, Martina Aneiros, en representación da Xunta, incidiu no compromiso do Goberno galego co deporte base e lembrou programas como Xogade, no que —segundo indicou— participa preto do 66% do alumnado galego de entre 6 e 16 anos. A delegada territorial sinalou que campionatos como este contribúen á promoción da saúde física e mental da mocidade e desexou sorte ás seleccións que aspiren a competir a nivel estatal.

Desde a organización prevese unha elevada asistencia de público ao longo de toda a xornada, con presenza de pais, nais e afeccionados que encherán as bancadas de Río Seco nun día marcado polo ambiente festivo do Entroido e polo protagonismo do fútbol base galego.

Lea también

Los carteles de la Semana Santa de Ferrol desde que obtuvo la distinción de Fiesta de Interés Turístico Internacional se exponen en Odeón

El Centro Comercial Odeón continúa apoyando la promoción de la Semana Santa de Ferrol, después …