O Entroido tamén se come en Narón. O XI Concurso de Tapas de Entroido comeza este xoves 12 cun total de oito establecementos participantes que reinterpretan o cocido galego en formato tapa, combinando tradición e innovación ao prezo de 3 euros. As propostas poderán degustarse ata o 22 de febreiro en horario de 12:30 a 14:30 e de 20:00 a 22:00 horas.

Participan nesta edición Australian Cervecería, Bar Chips, O Tapeo, Ronnie, Fame Kanalla, O Encontro de Soriano, Nuevaorleáns e A Serra – Leiras Food. Entre as propostas deste ano hai espazo para a creatividade e para as reinterpretacións do cocido galego en formatos innovadores.
Australian Cervecería presenta a súa “Argallada de Entroido”, un brioche recheo de cachucha adobada con alioli de chourizo e pesto de grelo. En Bar Chips atopamos o “Buñuelo de pataca crocante con tartar de cocido galego”, unha versión contemporánea do cocido en formato gourmet.
O Tapeo sorprende co “Burricidio”, un burrito á prancha recheo con ingredientes clásicos do cocido pensados para comer coa man. Ronnie aposta polo “Cocido de Entroido en tres texturas”, combinando lacón, parmentier de grelo e mermelada de chourizo. E en Fame Kanalla elaboran o “Cocidog”, unha versión desenfadada do hot dog con roupa vella, grelos e crema de garavanzos.
Xunto a estas creacións, o público poderá degustar outras propostas que van desde receitas máis fieis á tradición, como a filloa rechea de lacón con grelos, ata combinacións que xogan co contraste de texturas e presentacións actuais, demostrando o bo momento creativo da hostalería local. O Concello anima a veciñanza e visitantes a percorrer os establecementos participantes, apoiar ao sector hostaleiro e escoller coa súa votación a mellor tapa desta undécima edición do certame gastronómico de Entroido.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.



