Valdoviño celebra o sábado 21 de febreiro o seu XXVI Festival de Entroido

O Concello de Valdoviño abre este mércores 11 inscricións no XXVI Festival de Entroido, que celebrará o sábado 21 de febreiro no anfiteatro da casa da cultura, baixo carpa, e tras o desfile previo que, como é tradición, partirá da casa da cultura contra as cinco e media da tarde. Como novidade, este ano non haberá premios ás mellores comparsas, senón que cada unha das participantes recibirá 400 € en concepto de gratificación á participación.

Foto arquivo desfile Entroido Concello de Valdoviño 2025

As bases poden consultarse na páxina web municipal (www.concellodevaldovino.com), e tamén no portal poden descargarse os ficheiros para presentar ben na casa da cultura de luns a venres de 10 a 14 horas -agás festivos- ou a través da sede electrónica. Nos dous casos, o prazo conclúe o 18 de febreiro ás 14:00 horas.

Admitiranse un máximo de 8 comparsas, e en caso de que se rexistren máis solicitudes, celebrarase un sorteo do que quedarán excluídas as comparsas de Valdoviño (cun mínimo do 51% de participantes empadroados/as na localidade).

Xunto a esta categoría, haberá tamén a de grupos (entre 3 e 9 integrantes), parellas (2 integrantes) e disfraz individual (para estes últimos, abrirase un periodo extra de inscrición o mesmo día do festival, de 17 a 17:15 horas, no propio concello).

As 3 categorías optarán a premios de 130 €, 80 € e 40 € respectivamente. Será neste caso un xurado integrado por un representante municipal, do tecido asociativo e o presentador do festival, Avelino «O cego das covas», o encargado de valorar e puntuar atendendo a unha serie de requisitos obxectivos recollidos nas bases.

Ademais, e fóra de concurso, o Concello de Valdoviño anima a todos os veciños e veciñas a disfrazarse e participar do desfile que precederá ao festival.

Lea también

Gran éxito de convocatoria en la primera etapa de la ‘Ruta Costeira’ por Valdoviño

En menos de 24 horas, se completaron las 25 plazas que el Ayuntamiento de Valdoviño …