Arrinca a formación do programa integrado de emprego das Pontes

O Concello das Pontes, xunto cos concellos das Somozas e A Capela, pon en marcha durante o mes de febreiro as primeiras accións formativas do Programa Integrado de Emprego de Galicia, unha iniciativa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, co apoio do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e coa cofinanciación dos concellos participantes, orientada á mellora da empregabilidade e á inserción laboral das persoas desempregadas da comarca.

Con motivo do inicio destas accións formativas, Ana Pena, concelleira de Industria do Concello das Pontes, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia da Coruña, Juan José Couce, visitaron ao alumnado que comezou a súa formación, interesándose polo desenvolvemento do programa e destacando a importancia deste tipo de iniciativas para facilitar o acceso ao mercado laboral.

Esta nova edición do programa, que se desenvolve ao longo de doce meses, inicia agora o seu calendario formativo cun total de tres cursos deseñados para reforzar competencias clave demandadas polo mercado laboral actual.

Durante o mes de febreiro impartirase o curso de Iniciación en competencias dixitais básicas (FCOI06), cunha duración de 26 horas, que se desenvolve do 9 ao 13 de febreiro e conta con 15 prazas. Así mesmo, os días 19 e 20 de febreiro levarase a cabo o curso de Manipulador de alimentos (FCOM01), cunha duración de 10 horas e dirixido a un total de 25 persoas participantes. Pechará a programación formativa do mes o curso de Competencias dixitais básicas para o emprego (FCOI07), tamén cunha duración de 26 horas, que terá lugar do 23 ao 28 de febreiro, cun grupo de 15 alumnos e alumnas.

O Programa Integrado de Emprego, cun obxectivo de inserción laboral do 42%, está dirixido a 100 persoas desempregadas, tanto homes como mulleres, pertencentes a colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, entre os que se atopan persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores de 52 anos, mozos menores de 30 anos, mulleres desempregadas, persoas migrantes ou beneficiarias de prestacións e axudas sociais, entre outros perfís prioritarios 

Ao longo do programa, as persoas participantes recibirán orientación laboral personalizada, formación grupal e acompañamento individualizado, traballando contidos como a elaboración de currículum vítae, a preparación de entrevistas de traballo, o desenvolvemento de habilidades sociolaborais, a motivación e a adquisición de competencias profesionais adaptadas ás necesidades do tecido produtivo da contorna.

O orzamento total desta iniciativa ascende a 175.000 euros, dos cales 140.000 euros son achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e  Emigración da Xunta de Galicia e polo Servizo Público de Emprego Estatal, mentres que os 35.000 euros restantes corren a cargo dos concellos das Pontes, das Somozas e da Capela.

Como medida de apoio á participación, o programa contempla unha bolsa de asistencia de 10 euros por día, así como axudas para cubrir gastos de coidado e atención a persoas dependentes, especialmente menores de entre 3 e 12 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación da  vida persoal e formativa.

Co inicio destas accións formativas, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa veciñanza, apoiando iniciativas que melloran a capacitación das persoas desempregadas e facilitan a súa inserción laboral, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social da comarca.

Lea también

Henrique Dacosta presenta na biblioteca de Valdoviño a súa última obra «Mortes con argumento»

O profesor e escritor Henrique Dacosta presenta este venres 13 en Valdoviño a súa última …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *