O Concello de Narón pon en marcha unha nova edición de Guizo, o proxecto do Servizo de Normalización Lingüística da Concellaría de Política Lingüística que convida as familias a vivir o lecer en galego e en contacto coa natureza.
A programación do primeiro semestre de 2026 inclúe cinco actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, sempre acompañados dunha persoa adulta, que se desenvolverán sempre ás 11.00 horas no centro cívico social do Couto.
A primeira cita será o 21 de febreiro cos xogos de resolución de probas de Somos Terra, unha proposta lúdica para afondar na biodiversidade de Galicia e coñecer mellor a fauna e a flora do país, con especial atención ás especies en perigo. O 21 de marzo será a quenda de “Oes ti compós-tate”, de Picos do Sol, unha obra cómico-divulgativa que aborda, desde o humor, cuestións de actualidade como a xestión dos residuos orgánicos, a compostaxe comunitaria, a separación do lixo ou a taxa correspondente.
O calendario continúa o 18 de abril cun obradoiro de bombas de sementes de Somos Terra, no que as crianzas aprenderán a técnica xaponesa Nendo Dango, ideada por Masanobu Fukuoka, para contribuír á reforestación de ecosistemas. O 23 de maio chegan “Os superpoderes das aves”, de Alouette Machine, un obradoiro de imprenta creativa que achega as familias ao mundo das aves que nos rodean ao tempo que pon en valor a lingua galega e o patrimonio cultural e ambiental.
O ciclo pecha o 13 de xuño cun obradoiro de cociña solar de Os Picos do Sol, centrado no funcionamento da enerxía solar térmica, nos distintos modelos de cociñas solares e na súa relación co cambio climático, cunha parte práctica na que se construirán fornos e colectores solares e se elaborarán propostas culinarias.
Todas as actividades son de balde, pero contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa por estrita orde de chegada a través do enderezo electrónico a.pita@naron.gal. Na solicitude deberán constar o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Guizo nace coa intención de mellorar a socialización en lingua galega da cativada a través dun lecer máis natural, afastado das pantallas e baseado no xogo, na creatividade e no respecto polo medio. O proxecto propón experiencias para gozar en familia, reciclar, construír xoguetes con materiais da natureza, plantar e coidar sementes, facer sendeirismo e coñecer mellor a contorna, sempre desde unha vivencia divertida, educativa e en galego.
Toda a información detallada sobre a programación pode consultarse na web do Servizo de Normalización Lingüística, www.naronengalego.gal, no apartado de actividades.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
