O profesor e escritor Henrique Dacosta presenta este venres 13 en Valdoviño a súa última obra literaria, «Mortes con argumento», un thriller policial editado por Belagua. O acto comezará ás 19:00 horas na biblioteca, e no mesmo, o autor estará acompañado de Antón Cortizas. Ao remate, asinará exemplares do libro.
Tras os seus libros de relatos «Á deriva» e «O estraño caso da bicicleta amarela», Henrique Dacosta sorprende ao público cun thriller policial que mantén o suspense de xeito brillante.
Levados polo seu proverbial dominio da linguaxe e o seu empeño propio en manter vivas as expresións da zona, convidaranos a percorrer a admirable paisaxe de Ferrolterra onde o autor teima en situar as súas obras.
Así, «Mortes con argumento» preséntase como unha excitante novela que mergulla ao lector nun xogo sen fin onde descubrirá que todos os personaxes teñen algo que ocultar.
SOBRE O AUTOR
Profesor e escritor, Premio Carvalho Calero con Mar para todo o sempre (1991), Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias (1993) e Unha mada de doce relatos (2006); Premio Lueiro Rey de Novela con Illas a sotavento (2019). Finalista no I Certame de Relato Curto Cidade Vella: Muralla de Crescórnio (1989). Participou en colectáneas de relatos: Longa lingua. Os contos da Mesa (2002); Seis ferroláns (2003); Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo e En defensa do Poleiro.
A voz dos escritores galegos en Celanova (2010). Escribiu Os desherdados (2006), O prezo da tentación (2008), Entrada ao xardín do saber (2014), A Rota do Oeste (2019), O día que ao Carlos lle fora mal (2018) e Á deriva (2018); o manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega (2007) e Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético (2020).
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

