As Pontes licita unha nova fase das obras de mellora na Avenida de Lugo

 

O Concello das Pontes vén de sacar a licitación unha nova fase das obras “Mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Lugo, entre os números 1 e 19″, con cargo ao POS da Deputación da Coruña, cun orzamento de licitación de 207.862,90 euros.

Esta actuación permitirá avanzar na humanización dunha das principais vías de acceso ao centro urbano, mellorando a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos nun tramo estratéxico da Avenida de Lugo.

O proxecto contempla a eliminación do desnivel existente entre a calzada e as beirarrúas, favorecendo a accesibilidade universal, así como a renovación dos pavimentos tanto na zona de circulación como nas beirarrúas e áreas de aparcamento. Nos pasos de peóns instalarase pavimento táctil adaptado para persoas con discapacidade visual.

No ámbito das infraestruturas, a obra inclúe a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento, coa execución dun novo colector de pluviais e a renovación da rede de saneamento nos tramos necesarios, mellorando a eficiencia e o funcionamento dos servizos municipais.

Tamén se actuará sobre o alumeado público, recolocando as farolas existentes, reforzando a iluminación nos pasos de peóns e incorporando nova iluminación LED de alta eficiencia, así como sinalización luminosa para aumentar a seguridade viaria.

A intervención completarase coa renovación da sinalización viaria, a instalación de novo mobiliario urbano —bancos, papeleiras e xardineiras— e o transplante da arborado existente, garantindo a súa conservación.

Durante a execución das obras, o Concello adoptará as medidas necesarias para compatibilizar os traballos coa circulación de vehículos e peóns, mantendo o acceso a vivendas e establecementos comerciais en condicións de seguridade. Con esta actuación, o Concello das Pontes continúa a apostar pola mellora dos espazos públicos e pola creación dunha vila máis accesible, segura e amable para a veciñanza.

Lea también

Aprobado en As Pontes o POS+2026 cunha asignación de 1,38 millóns

O Pleno aprobou tamén o Plan Complementario POS+ 2026, que recolle un conxunto de 8 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *