A XX Mostra da Camelia de Narón volve converter Odeón en escaparate floral

O Centro Comercial Odeón acolle os días 14 e 15 de febreiro a XX Mostra da Camelia Cidade de Narón e o XVI Concurso de Flor de Camelia, unha cita xa consolidada no calendario local, organizada polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Galega da Camelia.
 
 
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentou o evento xunto ao presidente da asociación, Edmundo Novoa, o vicepresidente, Eusebio López, o secretario, Manuel Pico, e outros membros da entidade, que tiveron palabras de recordo para o finado Javier Botas, compañeiro na asociación e cultivador da flor de camelia que ilustra o cartel desta edición.
 
Durante a presentación, Hermida destacou “a importancia desta mostra para poñer en valor un dos símbolos vexetais máis representativos de Galicia”.
 A edil de Turismo agradeceu “o labor que desenvolve a Asociación Galega da Camelia, que nos permite manter na cidade este evento, ao que cada ano se achegan centos de persoas afeccionadas e de cultivadores desta especie, aos que tamén quero agradecer de antemán a súa implicación no evento”.
 
As persoas interesadas en instalar un expositor con camelias e en participar no concurso poden formalizar a súa inscrición ata o próximo día 12 de febreiro, dirixíndose á asociación a través do teléfono 660 599 700 ou do enderezo electrónico asociaciongalegadacamelia@gmail.com.
 
A mostra abrirá ao público o sábado 14 de febreiro ás 17:30 horas, coincidindo co acto de entrega de premios ás mellores flores presentadas ao certame. Haberá premios á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulada, á Mellor especie de camelia, ao Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ao Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva.
 
A mostra poderase visitar o sábado ata as 22:00 horas. A programación continuará o domingo 15 a partir das 10:00 horas e inclúe unha visita ao parque de Camelias de Freixeiro, onde se poderán contemplar exemplares de gran valor ornamental nas súas múltiples e coloridas variedades.
 
Desde o Concello e a Asociación Galega da Camelia convidan á cidadanía a achegarse a esta nova edición, que consolida a Narón como referente comarcal na promoción do patrimonio vexetal.
 

 

Lea también

El ferrolano Ángel Arias recibe la beca de formación artística internacional en Suiza Centro de Arte FMJJ

La ayuda, dotada con 25.000 euros, permitirá al creador gallego cursar el Máster de Bellas …