A entrada principal da Casa Consistorial de Narón acolleu no mediodía deste xoves 5 de febreiro unha concentración silenciosa en lembranza de María Belén Fernández, de 52 anos, última vítima da violencia machista en Galicia, asasinada o pasado domingo na parroquia de Sanguiñeda (Mos) pola súa exparella, un home de 67 anos do que se separara o pasado mes de decembro.
O acto estivo presidido pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e contou coa presenza da concelleira de Igualdade, María Lorenzo, así como doutros membros da corporación e do persoal municipal, que gardaron un minuto de silencio na memoria de María Belén e como mostra de condena ante este novo crime.
Dende o Concello de Narón quixo trasladarse unha vez máis a total condena e repulsa ante este novo caso de violencia de xénero, ao tempo que expresou a súa solidariedade coa familia e amizades da vítima.
Así mesmo, o goberno local reiterou o seu compromiso na loita contra a violencia machista e na defensa da igualdade, facendo un chamamento á implicación de toda a sociedade na prevención e erradicación da violencia exercida contra as mulleres polo feito de seren mulleres.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
