A chuvia obriga a ralentizar as obras da rúa Reis Católicos do barrio da Solaina

 
 
Concello de Narón
 
O Concello de Narón informa de que as obras de reurbanización da rúa Reis Católicos, no barrio da Solaina, non se atopan paralizadas, senón que se están a ver ralentizadas nas últimas semanas debido ás condicións meteorolóxicas adversas.
 
A elevada presenza de chuvias está a dificultar de maneira significativa o desenvolvemento normal dos traballos, especialmente naquelas fases que implican a utilización de formigón. A execución da pavimentación principal require condicións de secado e estabilidade que non se dan mentres persistan as precipitacións, polo que resulta tecnicamente inviable avanzar con garantías de calidade e seguridade.
 
Así mesmo, desde a dirección da obra explican que tampouco é posible proceder á demolición das zonas que deben ser substituídas mentres continúe o mal tempo, xa que a eliminación das beirarrúas actuais podería provocar a entrada de auga nos portais dos edificios, así como a acumulación de pedras, lama e restos de obra na vía pública, xerando molestias e riscos para a veciñanza.
 
Na actualidade, os operarios continúan a traballar na zona realizando labores de remate, peche e acondicionamento dalgunhas partes da intervención, co obxectivo de manter a obra en condicións adecuadas e preparadas para retomar o ritmo normal tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan.
O Concello subliña que esta ralentización responde a criterios técnicos e de seguridade, co fin de evitar problemas derivados das filtracións de auga e da acumulación de materiais na vía pública, así como de garantir a durabilidade e calidade final da actuación.
 
Desde a Administración local agradécese a comprensión da veciñanza ante esta situación puntual, allea á planificación inicial, e reitérase o compromiso municipal de continuar os traballos ao maior ritmo posible en canto o tempo dea unha tregua e permita avanzar con normalidade.

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …