A Gándara, Narón, celebra a súa XVIII Festa do Cocido que este ano incorpora a I Festa de Entroido

A concelleira de Festas de Narón, Mar Gómez, presentou xunto á Asociación de Veciños Santiago Apóstol da Gándara a XVIII edición da Festa do Cocido, que se celebra o próximo sábado 21 de febreiro no pavillón da Mocidade, nunha xornada que este ano incorpora como novidade a celebración da I Festa Entroido do Cocido da Gándara.
 
A xa tradicional cita gastronómica principiará ás 14:00 horas cun xantar popular a base de sopa, cocido, sobremesa, café, viño, auga e gaseosa, este ano con atención en mesa, a un prezo de 26 euros para as persoas socias, 32 euros para as non socias e menú infantil de 12 euros para menores de 12 anos.
 
Ademais, a partir das 20:00 horas haberá racións de polbo con pan a 15 euros. Acompañada por Javier Freire, Fernando Abad e Carlos Fornos, da AVV Santiago Apóstol da Gándara, e de Elena González, da comparsa Os Argalleiros, Mar Gómez destacou que “a Festa do Cocido da Gándara é unha das máis consolidadas do noso calendario festivo e un exemplo do compromiso do movemento veciñal coa vida social dos barrios”.
 
Segundo indicou, “a incorporación do servizo de mesa e das actividades de Entroido suponen un paso máis para seguir mellorando a experiencia das persoas asistentes”. A edil agradeceu “o traballo constante da asociación e do voluntariado, que fan posible que esta festa siga sendo un referente en Narón”.
 
Como novidade, este ano celébrase tamén a I Festa Entroido do Cocido da Gándara, que organiza a comparsa Os Argalleiros xunto co Concello de Narón, e que terá lugar no mesmo recinto entre as 16:30 e as 20:00 horas.
 
Durante toda a tarde haberá música, sorteos, concurso de disfraces, pintacaras, tatuaxes de purpurina e globoflexia, cun programa pensado especialmente para o público familiar e infantil. A cita complétase coa actuación musical de Patri Prados durante o xantar e de Os Irmáns Ramos pola noite, reforzando o ambiente festivo e de convivencia que caracteriza esta convocatoria, que nas últimas edicións superou as 300 persoas participantes.
 
Os tickets poden retirarse de luns a venres, en horario de 11:00 a 12:00 e de 18:00 a 20:00 horas, no local social da Gándara, ata o día 13 de febreiro ás 20:00 horas, e recoméndase a súa adquisición anticipada ante a elevada demanda rexistrada cada ano. Desde a organización animan á cidadanía a participar nesta nova edición e converter a xornada nunha gran festa veciñal.
 
As persoas interesadas poden obter máis información a través das redes sociais da AVV Santiago Apóstol da Gándara ou no teléfono 603 742 624.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *