A comedia “O caso do cadáver asasinado” pecha en Neda o Ciclo de Teatro Afeccionado

O Concello de Neda pecha este sábado a primeira edición do seu Ciclo de Teatro Afeccionado. Farao programando na Casa da Cultura, a partir das 20 horas, “O caso do cadáver asasinado”, unha comedia da compañía ferrolá Teatro do Asteleiro, pertencente ao Grupo Bazán.

Trátase dunha obra de Camilo Ces, dirixida por Luis G. Ramos, que xira ao redor da investigación dunha morte en estrañas circunstancias, a do marqués Fonseca no seu domicilio. A aparición dunha nota manuscrita de suicidio parece resolver o caso, pero, como apuntan dende a compañía, todo se complica “xa que nesa mansión nada é o que parece, e todos os seus habitantes son sospeitosos de manual”.

Forman o elenco desta comedia, que se estrea en Ferrolterra despois de xirar por outros puntos de Galicia, Alberto Domínguez, Quequé Mareque, Nerea Acebo, Silvia Carballeira e María SG La Tata.

As entradas, ao prezo de 2 euros, poranse á venda o propio sábado, unha hora antes da función, é dicir, ás 19 horas, na billeteira da Casa da Cultura. “O caso do cadáver asasinado” completa este primeiro ciclo de teatro non profesional, que destacou pola variedade de propostas (a traxedia grega “Bacantes”, unha versión libre de “Luces de bohemia”, un espectáculo de cabaré, e agora unha comedia) e pola excelente acollida do público.

Lea también

Fene celebra o 25 de abril unha nova edición da Xuntanza de Palilleiras

A cita converterase de novo nun punto de encontro para as amantes das técnicas téxtiles …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *