O venres, inauguración de “Orixes IV”, a exposición sobre as escavacións do Castro de Esmelle, no «Torrente Ballester»

A Casa Castrexa escavada na Campaña de 2025 en Esmelle. Imaxe Eloy Taboada.

O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acolle, este venres, día 6 febreiro, ás 19:00 horas, o acto de inauguración da exposición “Orixes IV. Urbanismo Castrexo” que organiza, un ano máis, a Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol.

Esta nova mostra temporal estará composta por 10 paneis explicativos, un audiovisual e unha vitrina con materiais arqueolóxicos tales como cerámicas castrexas, fragmentos de terra sigillata, un muíño rotatorio reutilizado na
cimentación do corpo de garda ou lousas procedentes da cuberta do edificio colectivo, entre outros.

Poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, ata o 26 de abril, de martes a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos, de 11:00 a 14:00 horas.

O obxectivo desta cuarta exposición, na que tamén colabora a Fundación L. Monteagudo, non é outro que o de amosar os resultados da campaña arqueolóxica realizada entre o 14 de xullo e o 1 de agosto de 2025 no Castro
de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro. Unha escavación levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia baixo a dirección científica do director da Cátedra e profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e a dirección técnica do investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez.

Neste enclave da Idade de Ferro, cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos, comezou a albiscarse, xa na segunda campaña, unha rúa pavimentada moi ben conservada. Logo de ampliar a zona de traballo, puido comprobarse que as súas dimensións rozan os catro metros de ancho. Segundo as primeiras hipóteses, esta rúa estaría situada na zona de acceso ao castro e bordea dúas estruturas nas que se traballou en 2025: un edificio alongado duns 60 metros cadrados e un torreón defensivo. Con todo, cómpre sinalar que, ao longo desta terceira campaña arqueolóxica, tamén se realizaron traballos de excavación nunha típica casa castrexa situada na croa e duns 5.1 metros de diámetro.

Un ciclo de conferencias dedicado ao paleontólogo Emiliano Aguirre e os “Sábados Castrexos en Familia” no Arqueódromo Luis Monteagudo

No marco da exposición “Orixes IV. Urbanismo Castrexo”, a Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial organiza un ciclo de conferencias en homenaxe ao paleontólogo ferrolán Emiliano Aguirre, falecido en 2021 aos 96
anos de idade.

O primeiro relatorio terá lugar, o venres 20 de febreiro, ás 19:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol. O investigador do Grupo de Estudos para a
Prehistoria do NO Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Edgard Camarós Pérez, impartirá a conferencia “As orixes da humanidade: do berce africano ás terras
galegas”.

O programa do ciclo de conferencias dedicado ao “pai de Atapuerca” tamén inclúe as intervencións do propio director da Cátedra e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Juan Luis Montero Fenollós, quen falará, o 27 de febreiro, sobre “As orixes da civilización: 20 anos de arqueoloxía da UDC no Oriente Próximo”, e do investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, que impartirá, o 6 de marzo, o relatorio titulado “As orixes de Ferrol: escavacións arqueolóxicas en Tralocastro”.

Un ano máis, a antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación, Lucía Brage Martínez, coordinará o programa “Sábados Castrexos en Familia” que inclúen unha visita guiada á exposición e a
realización de diversas actividades divulgativas no arqueódromo Luis Monteagudo, situado no Centro Cultural Torrente Ballester, o 7 e o 14 de marzo, así como o 11 e o 18 de abril, ás 12:00 horas. Reservas no correo electrónico arqueodromo.ferrol@gmail.com.

 

Lea también

La novena edición de los premios Youtubeiras+ bate su récord de participación con 126 canales registrados

Otorgan premios económicos que van desde los 1.000 a los 1.250 euros a los ganadores …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *