O Auditorio Municipal Cine Alovi acolle o domingo 15 de febreiro, ás 18:00 horas, o espectáculo musical “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya”, interpretado pola agrupación Troyanos de Compostela.

O concerto propón unha viaxe á Compostela de finais do século XIX e comezos do XX, a través dun repertorio de música galega dese período histórico. Como fío condutor, a agrupación emprega a trama da novela La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, combinando pezas musicais con pequenos recursos teatrais que contextualizan a obra e achegan a historia ao público.
O programa inclúe tanto pezas moi coñecidas, como Lela, Unha noite na eira do trigo ou Os teus ollos, como outras menos habituais ou recuperadas do esquecemento, como Manoliño ou Pasa la Tuna. Tamén se interpretan temas emblemáticos da tradición universitaria compostelá, como Tuna Compostelana ou Fonseca, novas composicións inspiradas na cidade, como Rúas de Compostela, e pezas do cancioneiro popular galego, entre elas Foliada do Rueiro e A raíz do toxo verde.
O programa estrutúrase en diferentes bloques musicais, reproducindo en gran parte o contido do CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya” (2018, Gaudia Discográfica), ofrecendo unha combinación de música, voz e pequenos elementos teatrais cunha duración aproximada dunha hora e corenta e cinco minutos.
Troyanos de Compostela, agrupación da Asociación Cultural-Musical de Antigos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, naceu en 2013 e realizou o seu debut en 2015 no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela. O grupo céntrase na investigación, promoción e divulgación da música para instrumentos de pulso e púa interpretada por tunas e rondallas de finais do século XIX e principios do XX, así como na recuperación de compositores galegos dese período.
Actualmente, a agrupación conta con arredor de 40 compoñentes de diferentes puntos de Galicia, afeccionados á música que desenvolven a súa actividade profesional en distintos ámbitos pero comparten o vínculo coa tradición universitaria. Utilizan instrumentos como guitarras, mandolinas, laúdes e bandurras, ademais de acordeón, percusión, coro e solistas.
Desde a súa creación, Troyanos de Compostela actuou en Galicia, España, Portugal e Arxentina, e gravou o CD “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”, presentado en 2018 no Teatro Principal de Santiago.
O concerto forma parte da programación cultural municipal incluída nas actividades da 45a Feira do Grelo. As entradas teñen un prezo de 3 euros e poderán adquirirse en liña en https://aspontes.sacatuentrada.es ou unha hora antes na billeteira do Auditorio Municipal.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.