A Deputación de A Coruña apoia con 100.000€ o servizo de COGAMI

No que vai de 2025 o programa logrou a inserción laboral de 698 persoas, cun total de 912 contratos. A Deputación apoia con 100.000 euros o servizo de COGAMI para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar o proxecto de servizo de intermediación laboral dirixido ás persoas con discapacidade.

O acordo supón unha achega da Deputación de 100.000 euros, o que representa o 21,33 % dun orzamento total de 468.768 euros que será destinado ao desenvolvemento de accións específicas que teñen como obxectivo mellorar a inserción laboral dun colectivo que presenta especiais dificultades no acceso ao mercado de traballo, tal e como reflicten os informes anuais do Mercado de Traballo realizados polo SEPE.

Nesta liña, o proxecto contempla un conxunto de accións orientadas a incrementar as oportunidades das persoas con discapacidade a través dun servizo especializado que contempla entrevistas ocupacionais individualizadas; información, orientación e asesoramento laboral; intermediación laboral; xestión de ofertas de emprego; accións de mellora da empregabilidade e seguimento das persoas inseridas laboralmente para coñecer a súa evolución na empresa e favorecer a estabilidade.

COGAMI desenvolve estas actuacións cun persoal especializado na materia, xa que a entidade conta cunha ampla traxectoria neste ámbito. Dende o ano 1996 leva impulsando accións específicas de inserción laboral para persoas con discapacidade, rexistrando 37.735 contratacións en Galicia. No que vai de 2025 o programa logrou a inserción laboral de 698 persoas, cun total de 912 contratos.

O presidente provincial puxo en valor “o traballo impulsado dende COGAMI, que resulta fundamental para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade” e salientou o compromiso da Deputación “coa igualdade de oportunidades e a inclusión social e laboral co apoio de programas coma este, que son moi importantes á hora de favorecer a integración das persoas con discapacidade no mercado de traballo”.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, sinalou que “para nós é fundamental o compromiso no tempo da Deputación da Coruña cos servizos que prestamos en COGAMI e no noso movemento asociativo porque melloran a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade. O emprego é fundamental para unha inclusión real».

Lea también

Rescatadas todas las vacas que se cayeron en un precipicio de Lugo con la colaboración de un helicóptero de Asturias

El rescate de las vacas que se cayeron en un precipicio de Taboada se ha …