Máis de 6.000 pemes, microempresas e autónomos solicitan as axudas PEL 2026 da Diputación da Coruña

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña rexistrou un total de 6.050 solicitudes tras o peche do prazo da convocatoria de 2026, que estivo aberto desde o 15 de novembro ata o 16 de decembro ás 14:00 horas.

A elevada demanda confirma, un ano máis, a consolidación do PEL como unha ferramenta esencial para apoiar o tecido empresarial, crear emprego estable e contrubuír a fixar poboación, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia. “Falamos dun programa que funciona, que dá resposta ás necesidades reais de autónomos, pemes e microempresas e que se converteu nun piar fundamental para o desenvolvemento económico do rural coruñés”, destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Preto de 4.000 solicitudes para cotas de autónomos/as á Seguridade Social e alugueiro de negocios

A principal novidade desta convocatoria foi a incorporación, dentro da liña PEL-Autónomos da posibilidade de subvencionar as mensualidades de alugueiro de baixos comerciais, naves, oficinas ou centros de traballo, cunha contía entre 200 e 500 euros ao mes, ata un máximo de 6.000 euros anuais, mantendo ademais a subvención das cotas á Seguridade Social, unha das máis demandadas polos profesionais autónomos da provincia.

Esta liña, dirixida a persoas con domicilio fiscal e centro de traballo en concellos de menos de 10.000 habitantes, rexistrou 3.945 solicitudes, das que 3.055, o 77,4%, proceden de persoas que non solicitaron esta axuda en anos anteriores, evidenciando a importancia deste apoio para o mantemento e fortalecemento do autoemprego. Entre os concellos con maior número de solicitudes destacan Melide, Mazaricos, Cedeira e Santa Comba.

Investimentos no rural

O número de solicitudes tamén aumentou nas axudas para investimentos no rural. A liña PEL-Emprende Investimento, destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que desenvolven a súa actividade en concellos de menos de 10.000 habitantes, rexistrou 1.445 solicitudes, superando as cifras de anos anteriores. Os concellos con maior volume de empresas e autonómos solicitantes foron Santa Comba, Mazaricos e Negreira, e predomina o sector gandeiro.

As empresas beneficiarias poderán destinar os fondos a investimentos en bens inventariables imprescindibles para o desenvolvemento da súa actividade, como maquinaria, mobiliario, equipos para procesos de información ou aplicacións informáticas, contribuíndo á modernización e á competitividade do tecido empresarial.

660 solicitudes para crear ou manter postos de traballo

As axudas PEL-Pemes, destinadas á creación e ampliación do cadro de persoal, tamén rexistraron un aumento de solicitudes. A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal, que subvenciona o 60% dos custos das novas contratacións, recibiu 470 solicitudes, mentres que a liña PEL-Pemes Mantemento, que cubre o 50% dos custos salariais do segundo ano de contratacións indefinidas realizadas ao abeiro de PEL-Pemes Creación e Ampliación 2025, rexistrou 190 solicitudes.

O sector terciario, especialmente hostalería e comercio, foi o que presentou maior demanda, seguido do sector gandeiro. As empresas con máis solicitudes nesta liña teñen a súa sede en Santa Comba, Boiro e Mazaricos. Estas axudas teñen un impacto directo na xeración de novas oportunidades laborais, contribuíndo á fixación de poboación no rural e á mellora das condicións de emprego na provincia, fomentando un emprego estable e de calidade.

O Plan de Emprego Local é unha das principais apostas da Deputación da Coruña para impulsar a economía local. Entre 2016 e 2025 destináronse máis de 127 millóns de euros, creáronse 8.131 empregos e consolidouse como unha ferramenta clave para apoiar o tecido empresarial, especialmente no rural, e fixar poboación.

Ademais, o programa impulsou unha pioneira Rede Provincial de Coworking con 12 centros distribuídos por toda a provincia, tres deles especializados en transformación agroalimentaria. En 2026, a Deputación manterá este esforzo, reforzando o tecido empresarial, promovendo emprego de calidade e xerando oportunidades no rural coruñés, apoiando unha economía local forte, sustentable e innovadora.

Máis información dispoñible en: pel.gal

Lea también

Rescatadas todas las vacas que se cayeron en un precipicio de Lugo con la colaboración de un helicóptero de Asturias

El rescate de las vacas que se cayeron en un precipicio de Taboada se ha …