O alcalde das Pontes visita as obras do novo aparcadoiro no polígono industrial de Penapurreira

O alcalde de As Pontes, acompañado por membros do equipo de goberno, visitou hoxe as obras de construción do novo aparcadoiro no Polígono Industrial de Penapurreira, na parroquia de Saa, que se atopan actualmente en execución.

Esta actuación ten como finalidade mellorar as infraestruturas viarias do polígono e ofrecer un servizo imprescindible nun espazo industrial en continua expansión, que conta cun número crecente de empresas e traballadores e conta cun orzamento total de 151.565,62 euros, financiado integramente pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Industria a través do plan de axudas da Consellería de Economía e Industria para a mellora e habilitación das infraestruturas dos parques empresariais galegos.

Durante a súa visita, o alcalde de As Pontes destacou que “este novo estacionamento público é unha resposta ás necesidades reais do tecido empresarial de Penapurreira, que medra ano tras ano e precisa de máis servizos comúns para continuar ampliando a súa actividade. Este proxecto permitirá optimizar o uso do solo industrial, liberar espazo dentro das parcelas e mellorar as condicións de acceso e estacionamento para as persoas traballadoras e visitantes.

É unha boa inversión, financiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Industria, que nos axuda a seguir mellorando o polígono e consolidando As Pontes como un referente en desenvolvemento económico e industrial.”

O polígono industrial de Penapurreira, creado en 1998 e que acolle máis de trinta empresas distribuídas nunha superficie de 84 hectáreas, non dispoñía ata o momento dun espazo específico destinado a aparcamento, obrigando ao persoal e visitantes a estacionar nas beiravías. Coa posta en marcha deste proxecto, o Concello busca dotar o parque empresarial dunha infraestrutura moderna e funcional que contribúa a mellorar a mobilidade interna, a seguridade viaria e a organización do tráfico, ademais de liberar espazo nas parcelas das empresas para favorecer o seu crecemento.

As obras estanse a desenvolver sobre unha parcela de 42.547 metros cadrados reservada no plan parcial do polígono para este uso. Os traballos inclúen a limpeza, desbroce e regularización do terreo, así como a súa explanación e compactación para habilitar unha plataforma pavimentada de 2.706 metros cadrados destinada ao estacionamento de 72 vehículos, dúas das cales estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. O proxecto tamén contempla o acondicionamento dun vial de acceso que conectará coa glorieta final do polígono, mellorando a accesibilidade e facilitando o tránsito de vehículos.

Ademais as actuacións comprenden a instalación de redes de servizos básicos, como tubaxes de PVC para o saneamento e a recollida de augas pluviais, ambas conectadas á rede xeral do polígono, así como unha rede de abastecemento que permitirá dotar no futuro ao espazo de novos servizos e dun hidrante de contraincendios. O proxecto deixa igualmente preparada a canalización necesaria a rede de alumeado público.

O firme do aparcadoiro e do viario realizarase con saburra artificial de canteira e cun pavimento de mestura bituminosa en quente de sete centímetros no vial e cinco na zona de estacionamento. Así mesmo, executarase unha beirarrúa de dous metros de ancho en formigón armado que conectará o novo acceso coa glorieta principal, baixo a cal se situarán as instalacións de servizos. A obra complétase coa correspondente sinalización horizontal e vertical, o acondicionamento dos taludes e a ordenación do entorno, garantindo un resultado funcional, seguro e plenamente accesible.

Coa execución deste proxecto, o Concello de As Pontes continúa avanzando na súa aposta pola modernización das infraestruturas dos parques empresariais, fomentando un entorno produtivo máis ordenado, sostible e competitivo, que favoreza o asentamento de novas empresas e o crecemento das xa existentes.

Lea también

Valdoviño da luz verde a la aprobación provisional de la delimitación de 37 nuevos núcleos rurales

La corporación volvió a someter la votación a medida tras realizar las modificaciones solicitadas hace …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *