O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol «considera que a nosa cidade debe promover a modificación do Plan Especial de Reforma Interior PERI-2R Sánchez Aguilera para adaptalo as necesidades actuais da cidade eliminando as parcelas destinadas ao desenvolvemento de vivenda especulativa e o contentor comercial previsto».

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, indicou que tal e como xa anunciara o BNG, a ratificación do Plan especial para o Sánchez Aguilera era unha operación especulativa que a día de hoxe se confirma tras a negativa do goberno central a adicar a vivenda social a edificabilidade existente na parcela.
Rivas afirmou que tanto o Partido Popular como o PSOE «enganaron ao conxunto de veciños e veciñas da cidade» cando en marzo de 2023 decidiron aprobar o convenio con Defensa e ratificar a planificación urbanística prevista para o Sánchez Aguilera, xa que tanto PP como o PSOE xustificaron o seu apoio a ese documento sobre a base do desenvolvemento de dotación de vivendas sociais, que agora sabemos que non se farán.
Rivas salientou que no momento actual as parcelas do Sánchez Aguilera con destino residencial e que naquel momento se lle asignaron ao Ministerio de Defensa, xa non son propiedade deste Ministerio, senón que foi o Estado quen as mercou 15 días despois da aprobación dese acordo plenario no concello de Ferrol, a través dunha operación que se desenvolveu en todo o Estado no que se lle mercaban parcelas ao Ministerio de Defensa para a construción de vivenda supostamente social. Que a día de hoxe se nos veña a dicir que no Sánchez Aguilera o que se vai facer no mellor dos casos e vivenda libre e un centro comercial, cando non que continúe no abandono, está totalmente fóra de lugar é supón a evidencia palpábel de que toda aquela operación estaba pensada para financiar ao Estado.
Rivas, aclarou que o Plan Especial para definir os usos da parcela do antigo acuartelamento Sánchez Aguilera foi concibido na época da burbulla inmobiliaria e supón outórgalle a potestade ao Goberno Central para construír 460 vivendas e un centro comercial de 24.000 m2 para o seu enriquecemento. Para o portavoz municipal do BNG «esta é unha planificación anacrónica, que non responde as necesidades actuais dunha cidade como Ferrol que ten o 20% das vivendas baleiras e carece de zonas verdes».

O BNG lembra que xa propuxo unha grande zona verde para ese espazo central da cidade e destinar os recursos previstos á rehabilitación de todo ese patrimonio abandonado existente na cidade, antes de que o Estado se adique a especular cun dos espazos máis importante e de maior valor urbanístico cos que conta a cidade.
Por último, Rivas sinalou que carece de senso desenvolver un proxecto de urbanización para este espazo sobre a base duns usos de vivenda social que non se van a desenvolver e por iso instou ao Alcalde da cidade a reorientar este proxecto de urbanización co obxecto de adecualo as necesidades da cidade, «así pois no contexto actual cómpre modificar ese proxecto de urbanización para desbotar a posibilidade de construción de vivenda libre e poder desenvolver nese espazo un grande pulmón verde para a cidade».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.