Ferrol en Común pide á Xunta de Galicia que deixe de enganar á cidadanía de Ferrol

Ferrol en Común a través dun comunicado expresa o seguinte «As contas galegas, o día da marmota contable, traen unha e outra vez os mesmos investimentos, deixando atrás ás persoas máis vulnerables, os maiores, os desempregados, os mozos e mozas, a clase traballadora».

Para Ferrol en Común «é xa unha tomadura de pelo que tanto as obras do CHUF, como os faraónicos proxectos do alcalde, Abrir Ferrol ao mar e a Cidade do deporte, veñan anualidade tras anualidade anunciándose como compromisos do PP con Ferrol, compromisos incumpridos e redundantes, que desvían todos os recursos ao ladrillazo e ao electoralismo pero non atallan os problemas reais de Ferrol».

«Non se aborda unha crise estrutural que está a acabar co noso tecido produtivo vinculado á Ría de Ferrol, sen tan sequera abordar un estudo integral que determine as causas que dilapidaron o emprego de 400 familias, e que pasou de máis de 90.000 quilos a pouco máis de sete mil quilos extraídos en tan só dez anos».

«Non se soluciona o problema de illamento da cidade respecto ao resto do territorio, deixando toda a posible presión para a súa mellora ás plataformas sociais, nada para o tren, nada para mellorar o nefasto transporte público urbano e interurbano, nada para marquesiñas en paradas invisibles e nada para adecentar un espazo en decadencia como é a estación de autobuses, baleira e mesmo pechada en ocasións».

«Parece xa cómico que se volva anunciar a VAC Costa Norte, promesa que vén xa como actuación inminente dende 2016».

«Continúase a esixir un gasto exorbitado ao concello por parte da Xunta, para as infraestruturas deportivas que ela mesma construíu para logo abandonar, ou para unha muralla da que é titular o ministerio de defensa, que non aporta nin un so euro, demandando un euro por cada euro que achega a Xunta, cando na maioría de subvencións a proporción é 80% a maior administración, 20% a máis cativa».

«Estes proxectos multimillonarios deixan a Ferrol sen capacidade de investimento para mellorar a limpeza, o asfaltado, os servizos sociais, o emprego ou as necesidades da mocidade, os temas que realmente preocupan no día a día».

«En materia de Servizos sociosanitarios Ferrol en común bota en falta partidas que máis alá da obra pura e dura, garantan unha mellora das listas de agarda, que nalgunha especialidade superan con creces un ano, así como que a carteira de servizos públicos inclúa toda a atención necesaria a usuarios de asfedro ou aspaneps, sobrecargadas e saturadas, sempre pendentes de subvencións».

«Por outra banda, unha partida para un plan de formación difuso non é máis que un anuncio, instamos á Xunta de Galicia a sentarse coa Dirección de Navantia, a industria auxiliar, o Ministerio de Traballo e os concellos afectados, para desenvolver un plan de consenso que non quede en plans integrados de emprego asentados no inmovilismo e que non dan saída á imperante necesidade de man de obra nos estaleiros públicos».

«En canto á vivenda, consideramos que as todo o que supoña ofrecer promoción pública é positivo, se ben é certo que Recimil e San Pablo continúan totalmente abandonados á súa sorte, sen plans sociocomunitarios, sen saber que facer coas vivendas baleiras, e sen un plan claro de rexeneración urbana que faga destes barrios unha oportunidade e non unha ameaza».

«Polo tanto, son contas as da Xunta de Galicia, propias doutra época e doutras políticas, que non caben dentro do que aspira Ferrol en Común, unha cidade sostible, agradable para vivir e axustada aos obxectivos da Axenda 2030, protexendo ás persoas e o noso patrimonio máis que a gloria de persoeiros políticos» finaliza FeC

Lea también

Este viernes, vista judicial en Ferrol pidiendo la anulación de la sentencia de Amada Rodríguez

Este viernes, día 23, se celebrará en los juzgados de Ferrol, a las 12,30 horas,  …