O Polideportivo Municipal acollerá este vindeiro sábado a cita, na que se realizarán agasallos e sorteos entre as palilleiras e tamén se poñerán á venda encaixes e outros traballos.

A Asociación Mulleres da Vila de Cedeira organiza para o vindeiro sábado, 18 de outubro, a súa XIX Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais. De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, o pavillón do Polideportivo Municipal encherase con arredor de 300 artesás procedentes de diferentes puntos de Galicia e Asturias, que estarán palillando e facendo outras labores ao tempo que comparten o seu saber.
Desde a entidade anfitroa, Ángeles Villar Fraguela anima ao público a pasar por alí para gozar co bo ambiente e ver de preto o seu traballo. Haberá tamén labores á venda.
As integrandes da Asociación Mulleres da Vila traballaron arreo nos últimos meses para preparar os agasallos que se van entregar ou sortear ao longo da xornada, moitos deles, tamén, doados polo comercio local. Levarán obsequios a asociación máis numerosa que participe no encontro, a artesá de máis idade, a máis nova e a que vén de máis lonxe. Tamén haberá un detalliño para todas e sortearase unha colcha feita en patchwork entre as artesás participantes.
Ademáis de encaixe de palillos, na xuntanza haberá calceta, bordados, gancho e outras labores. Segundo explica Ángeles Villar Fraguela, na asociación cedeiresa son actualmente entre 70 e 80 socias, e a arte dos palillos non deixa de atraer cada ano a tres ou catro mulleres, de máis ou menos idade, ás que a entidade lles deixa de balde o material para probar e aprender.