A Deputación da Coruña colabora con ADEGA na celebración do seu 50 aniversario

A institución provincial aporta 24.000 euros para cofinanciar o proxecto “ADEGA 50 Aniversario”, unha iniciativa que conmemora o medio século de labor ecoloxista na provincia da entidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Verónica Torrijos, e a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García asinaron o convenio para cofinanciar o proxecto “ADEGA 50 Aniversario”, unha iniciativa que conmemora medio século de labor ecoloxista na defensa do medio ambiente galego.

O acordo contempla unha achega provincial de 24.000 euros, que representa o 80% dun orzamento total de 30.000 euros, e terá vixencia ata o 31 de xullo de 2026, incluíndo a execución de actividades durante todo o ano 2025.

O proxecto “ADEGA 50 Aniversario” incluirá exposicións itinerantes en diferentes localidades da provincia, un libro conmemorativo e a produción dun documental audiovisual que recollerá os principais fitos da historia do ecoloxismo galego e a traxectoria da entidade. A través destas accións, preténdese difundir e poñer en valor medio século de traballo en defensa da natureza, da sustentabilidade e da conciencia ambiental en Galicia.

A Deputación da Coruña recoñece así o papel que ADEGA desempeñou ao longo das últimas cinco décadas na protección do medio natural e na educación ambiental da cidadanía, converténdose na organización ecoloxista máis veterana do país.

A colaboración recolle tamén que a Imprenta Provincial da Deputación se encargará da edición do libro conmemorativo “ADEGA 50 anos”, unha publicación que recollerá testemuñas, imaxes e reflexións sobre a evolución do movemento ecoloxista galego desde a década dos setenta ata a actualidade. Ademais, o documental permitirá recuperar a memoria visual das principais campañas e das persoas protagonistas da defensa ambiental en Galicia.

Lea también

Suspendidas las clases este lunes en el interior de Pontevedra, en alerta roja por lluvias

La Xunta también anula la actividad deportiva en zonas de Ourense por lluvias y la …