Valdoviño programa a proxección do documental “Filmei paxaros voando” e da longametraxe “As Neves”

A concellería de Cultura de Valdoviño organiza tamén novos pases na casa da cultura para o alumnado do CPI Atios no marco do ciclo Mestre Mateo.

O Concello de Valdoviño programa esta semana dúas sesións do ciclo Mestre Mateo abertas á veciñanza. Así, este xoves 16 de outubro, o auditorio da casa da cultura acolle ás 20 horas a proxección do documental «Filmei paxaros voando», e o venres 17 á mesma hora, da longametraxe «As Neves».

As dúas cintas están recomendadas para un público maior de 12 anos, e a entrada é de balde e libre ata completar aforo. Non serán os únicos pases da semana, xa que onte, a Concellería de Cultura convidaba ao alumnado do CPI Atios ao visionado das curtas «Avetimoloxía», «Eu vou comigo», «Noites de prata», «Sipnasis» e «Platónico Platónico».

Valdoviño repite neste 2025 como sala do Ciclo Mestre Mateo, ofrecendo deste xeito a proxección dalgunhas das películas finalistas dos prestixiosos premios do audiovisual galego. O calendario inaugurábase hai uns días, con sesións reservadas para os estudantes do cole, un dos principais públicos do proxecto no municipio, e esta semana comezan tamén os pases abertos á cidadanía en xeral. Dunha banda, «Filmei paxaros voando», de Zeltia Outeiriño González, é unha peza documental que aborda o regreso da autora a Galicia tras 20 anos en Barcelona.

Un retorno para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán textil galeguista gai que viviu intensamente nos anos 80. Esta volta provoca o reencontro coa súa nai Socorro, unha muller moi conservadora á que Zeltia rexeitaba. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que comeza un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e sanación.

Así mesmo, «As Neves», de Sonia Méndez, lévanos a unha vila de montaña onde todos se coñecen. Arrinca na Noite de Entroido, cando un grupo de mozos e mozas celebra unha festa que remata coa desparición dunha das rapazas e o inicio dunha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na relación co mundo.

Lea también

Brillante inauguración en Exponav del 42º Salón de la Mujer en la Pintura de la Sociedad Artística Ferrolana

Inaugurada la 42ª edición del tradicional Salón de la Mujer en la Pintura de la …