O Concello de Cedeira licita de novo a renovación de pavimentos da rúa Ortigueira e colindantes

Rúa Ortigueira

O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público, por segunda vez, a licitación da obra de renovación dos pavimentos das rúas Ortigueira e Ríos Condomiñas, Lamas e Tixón, todas no casco urbano. É un proxecto valorado en 130.000€ (IVE incluído), que a administración municipal xa adxudicara hai meses, porén foi preciso resolver o contrato por problemas da empresa.

É unha actuación que o Concello vai financiar con cargo á segunda fase do POS adicional de 2023. O proxecto abrangue a renovación do pavimento da rúa Ortigueira e tamén das catro perpendiculares: Ríos Condomiñas, Lamas e Tixón. A actuación permitirá avanzar en canto á accesibilidade, porque se van eliminar barreiras arquitectónicas, e tamén no saneamento, incorporando a rede separativa.

As obras afectarán ao tramo da rúa Ortigueira, que vai desde Tixón ata a ponte, así como as tres perpendiculares con nomes de ríos. Son viais cuxas beirarrúas presentan baldosas e bordos deteriorados. A actuación eliminará os diferentes niveis de rasante e permitirá ampliar os anchos das zonas peonís, ao tempo que se igualan o deseño e materiais coas restantes rúas do casco urbano que se foron renovando nos últimos anos.

O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o próximo 3 de novembro.

Lea también

El CIM de Ortigueira incorpora el servicio de teletraducción de la Xunta para poder atender en 51 idiomas diferentes

Esta decisión se toma para atender de la mejor forma posible a mujeres que no …