Narón celebra o Gulliver Fest na área recreativa de Pedroso

A Alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, desprazáronse á zona da área recreativa de Pedroso para presentar xunto con Ángel Sánchez, da Asociación FurgoGalicia, a sexta edición do Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest.

Este evento organizado polo Concello, os padroados da Cultura e Deporte e a Asociación FurgoGalicia acada cada ano máis público. Nesta ocasión desenvolverase durante catro días, do 7 ao 10 de agosto, na área recreativa de Pedroso. A programación ao completo dos catro días pode consultarse a través da web: gulliverfest.naron.gal e haberá tamén foodtrucks e postos de venda de produtos artesáns.

O éxito da convocatoria é tal que se esgotaron as prazas reservadas para as furgonetas e acampada, 420 e 100, respectivamente, e tamén hai ocupadas oito da zona glamping. Ademais de veciños de Narón, reservaron esas prazas persoas chegadas doutros concellos da comarca, como Ferrol, Fene, Pontedeume, Ares, Ortigueira, San Sadurniño.. e tamén doutros concellos galegos como Lugo, Pontevedra, Vigo, Cuntis, Baiona, Coirós, Foz, Vilagarcía de Arousa, Cangas…

Así mesmo, desfrutarán tamén deste festival persoas chegadas de Madrid, País Vasco, Asturias, Barcelona, Santander, Salamanca, Lanzarote, Extremadura e de países como Portugal ou Suecia. O Gulliver Fest ofrece cada ano á cidadanía unha ampla variedade de propostas pensadas para persoas de todas as idades, entre elas concertos, obradoiros, actividades deportivas, xogos tradicionais, teatro e as recoñecidas charlas viaxeiras. O día 7 de agosto ás 10.00 horas abrirase a zona camper de autocaravanas, ás 20:00 haberá unha sesión de cine familiar e ás 21:00 horas actuará La Duendeneta.

A segunda xornada, o venres, a programación dará comezo ás 9:00 horas cunha sesión de ioga no escenario Camper Cover -de participación libre e de balde ata esgotar as prazas-. Un obradoiro de identificación de plantas medicinais, un documental sobre “Os pousos do café”, xogos tradicionais.. completarán a programación matinal, con música de La Duendeneta ao mediodía. Pola tarde ás 16:00 haberá unha sesión de maxia e haberá tres charlas viaxeiras entre as 17:00 e as 19:00 horas, de Bea González, Rubén Prieto e da firma Worknature.

Pola noite regresará a música, dende as 20:00 horas, con La Duendeneta, Shugr´Band e Tandub, todos os concertos no escenario Gulliver. O sábado día 9 haberá unha nova sesión de ioga ás 9:00 e ás 10:00 horas unha carreira de orientación, para a que é preciso inscribirse previamente na zona. Unha charla de Fernando Castiñeiras ás 11:00 dará continuidade ao programa, que inclúe pola mañá teatro e música con La Duendeneta. Pola tarde haberá teatro, un obradoiro de chapas e contarán as súas experiencias viaxeiras, dende as 18:00 horas, Sara Qiu e Walter Astrada. As actuacións de Shake, dende as 21:30 horas, La Duendeneta e La Regadera marcarán o apartado musical deste día.

A programación rematará o domingo 10, con nova sesión de ioga ás 10:00 horas, un obradoiro de retratos, teatro e música con Gramola Gominola e Batukada Latexo. A formación Monoulious Dop subirase ao escenario ás 18:00 horas e a continuación será o turno de La Duendeneta e The Locos, para pechar esta edición do Gulliver Fest La Duendeneta cun concerto que comezará ás 21:30 horas.

Dende o Concello e a Asociación FurgoGalicia animouse á cidadanía de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita, “na que a maiores das xa esperadas charlas viaxeiras haberá boa música, actividades infantís, deportivas e obradoiros, un área da Biblioteca municipal… e todo nun marco natural de gran valor na cidade”.

Lea también

Cariño celebra a XLVII Mostra de Teatro Galego

O Concello de Cariño celebra a XLVII Mostra de Teatro Galego, unha das citas culturais …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *