A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; e os concelleiros de cultura, Justo Ardá; e de servizos, Adán Chao; visitaron o xoves 31 á tardiña o recinto do Parque da Hortiña, en Limodre, para supervisar os últimos preparativos da nova edición do Felicia Pop, que arranca este venres 1 e que converterá Limodre durante dúas xornadas nun referente da música alternativa.
Durante a visita, os representantes municipais compartiron espazo cos organizadores do festival e revisaron aspectos loxísticos. A alcaldesa, Sandra Permuy, puxo en valor “o esforzo do tecido asociativo local, que fai posible un evento cultural de primeiro nivel, que dinamiza Limodre e sitúa Fene no mapa dos festivais máis atractivos de Galiza”. Tamén destacou “o compromiso do Concello coa cultura e coa mocidade, facilitando espazos de lecer seguros, igualitarios e participativos, en colaboración coa área de Igualdade”.
O Concello de Fene colabora co festival tanto no ámbito loxístico, a través da área de servizos, como na programación musical, coa organización do concerto de Familia Caamagno, que actuará este sábado ás 13.30 horas na sesión vermú, cun espectáculo gratuíto que amplía a oferta cultural do festival e favorece a participación da veciñanza.
O concelleiro de cultura, Justo Ardá, destacou “o crecemento do Felicia Pop como festival de referencia no noroeste peninsular” e reafirmou o apoio do Concello “a propostas culturais que nacen do territorio, implican á veciñanza e proxectan o mellor de Fene”. Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “desde o Concello reforzáronse os medios técnicos e humanos para garantir que todo funcione correctamente durante o festival”.
A programación do Felicia Pop comeza esta noite coa actuación de Pava (22.00), MPSTK (23.10), Hey Hematoma (00.30) e Los Bengala (02.00). O sábado, será a quenda de Cometa (22.00), Mooon (23.10), The Optic Nerve (00.30) e Los Mejillones Tigre (02.00). Ademais, o sábado ao mediodía celebrarase a sesión vermú coa música de Familia Caamagno (13.30), con entrada libre.
As entradas e abonos para o festival están á venda en woutick.es.