Fene leva a Familia Caamagno ao Festival Felicia Pop

A piques de comezar o Festival Felicia Pop, que organiza a AC Felicia, a concellería de Cultura de Fene coa colaboración do programa Cultura no Camiño (Agadic-Xunta de Galicia), anuncia para este sábado 2 de agosto, un concerto de Familia Caamagno. O espectáculo, no que presentarán “O mundo está derrotado”, comezará no parque da Hortiña ás 13.30 horas, con entrada libre e de balde.

«O mundo está derrotado” é un disco nostálxico, cómico e político a partes iguais. Un disco que nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos.

O disco comeza co “Xuntos” de Juan Pardo (1987) e remata con “O día que Fraga finou” inspirada no “The Day that Tatcher dies” de Hefner (2000) Polo medio a década dos 90 e as visións dun futuro distópico que xa pasou e que se repite unha e outra vez. “O mundo está derrotado” está producido e gravado por Carlos Hernández nos estudios “El Castillo Alemán” entre outubro, febreiro e maio de 2022.

Familia Caamagno é unha banda ben coñecida no panorama musical galego que navega desde os confíns do garaxe ate o power pop e o rock & roll máis delicado. Estes furibundos “xa non tan rapaces” de Sigüeiro, veñen de rematar a presentación do seu último LP, “O mundo está derrotado”.

Calquera que vise un directo de Familia Caamagno pode dar fe da intensidade, o baile e a catarse ao que se somete o público mentres se suceden, bailes imposibles, coros anxelicais e verdadeiros himnos do rock e pop galego dos nosos días. Fontes próximas á banda aseguran que está a piques de presentar novo material, producido e gravado coma nas últimas ocasións por Carlos Hernández (Los Planetas, Los Enemigos, Carolina Durante, Airbag…).

Lea también

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar …