Ferrolterra presume da súa oferta turística en Equiocio Ferrol

Equiocio Ferrol convértese, un ano máis, en escaparate do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Distintos concellos deste territorio contan con stands propios de información no certame hípico e de lecer. Son puntos nos que se promocionan algúns dos principais reclamos da comarca, entre os que destacan algunhas das festas de interese turístico.

Os visitantes que se acheguen ao evento, que se desenvolve en Covas ata o domingo, poden descubrir, con só dar unha volta polas instalacións, algunhas das propostas que permiten situar a Ferrolterra como destino turístico. Ademais dos atractivos naturais e patrimoniais, hai cabida para eventos de verán como a Festa do Pan, o Pantín Classic, as Meninas de Canido, a Baixada de Carrilanas de Valdoviño, o Ares Indiano, ou o Perla Mural Fest…

Ferrol, Narón, Fene, Valdoviño, Ares, Neda e Cabanas dispoñen de espazos de difusión neste evento que, como se subliñaba na inauguración, transcende o puramente deportivo. Especial protagonismo ten a localidade anfitrioa, que conta ademais coa presenza, no plano cultural, da Festa das Pepitas (de feito este domingo ao mediodía actuará a rondalla Bohemios).

Tampouco falta a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que patrocinou nas xornadas previas ao certame unha campaña de bautismos de surf na praia de Doniños para promocionar o produto turístico Costa das Ondas.

Tamén están ben presentes os sabores do xeodestino. Así, os peixes e mariscos das cofradías de pescadores de Ferrol e de Barallobre son protagonistas de varias das degustacións de Galicia sabe amar. E cociñeiros de Ferrolterra como Marcos Cabanas, do restaurante El Olivo Cocina & Bar (Narón); Álex Martínez e Mar Lago, do restaurante Bacelo (Ferrol); Nair González, de Muelle 43 (Mugardos) serán os encargados de preparar en directo estes días receitas únicas cos produtos do mar. Tampouco faltan os queixos de Campo Capela.

Equiocio Ferrol conta este ano como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Turismo de Galicia, Gadis e Estrella Galicia. Colaboran ademais a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, Integral Motion, e a Comunidade de montes veciñais en man común de Covas e Esmelle.

Lea también

Inaugúrase este domingo a XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño

A Mostra aposta pola accesibilidade e nesta edición conta con dúas funcións adaptadas. A XLVII …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *