Cariño celebra a XLVII Mostra de Teatro Galego

O Concello de Cariño celebra a XLVII Mostra de Teatro Galego, unha das citas culturais máis veteranas e destacadas de Galicia. O evento ten lugar entre o domingo 3 e o sábado 9 de agosto, e trae ao municipio 14 representacións de diversas temáticas, que se desenvolven entre os dous escenarios habituais: o auditorio municipal da casa da cultura e a praza da Pulida.

Nesta nova edición, participan compañías de referencia no panorama escénico galego, como Teatro del Andamio, Malasombra Producións, Teatro Ghazafelhos ou o Grupo Chévere. Ademais, durante o festival tamén se entregarán os Premios do Público 2024, co Premio Público Adulto para o Grupo Chévere e o Premio Público Infantil para a Compañía Píscore.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, explica que “nesta edición seguimos apostando polas raíces, por Galicia, con tintes actuais e modernos”. A rexedora tamén quixo agradecer expresamente o apoio da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como a colaboración do deseñador Borja Guerrero, autor do cartel desta edición, “por saber captar a esencia dunha cita tan importante para nós”.

Pola súa parte, o Departamento de Cultura, da man da concelleira Laura García, destaca que “este ano a prioridade era facer unha programación variada, inclusiva e para todos os públicos, algo que non é sinxelo. Hai moito traballo detrás, e de seguro o público gozará coa selección desta edición, que está chea de talento”.

Unha Mostra cargada de novidades

Unha das grandes novidades desta edición é a función que terá lugar o sábado 2 de agosto, como antesala oficial da Mostra. Nesa data estrearase a obra ‘Ás 12’, protagonizada por un grupo de mozos de Cariño participantes nas actividades extraescolares municipais.

Trátase da primeira vez que un grupo amateur local actúa na Mostra, un fito que reflicte o compromiso do Concello coa promoción do talento local desde idades temperás. A montaxe está dirixida por Pepablo Patiño, recoñecido actor e membro da compañía Ghazafelhos, quen asumiu a dirección desta proposta coa que a mocidade cariñesa debutará no evento.

Ademais, a Mostra mantén a súa aposta por un teatro plural, accesible e interxeracional, ofrecendo espectáculos para todos os públicos, tanto en espazos pechados como nas rúas. O público poderá gozar de obras familiares e de adultos, danza contemporánea ou dos espectáculos de circo, facendo de Cariño un auténtico escenario aberto á diversidade cultural e artística.

Comprometida coa inclusión, a programación inclúe tamén propostas con representación en lingua de signos e espectáculos protagonizados por artistas con discapacidade.

Programación completa

A programación da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño comeza o domingo 3 de agosto, coa celebración do acto inaugural. A continuación, ás 13:00 horas, a compañía Pedras de Cartón presentará na Praza da Pulida o espectáculo ‘Moby Dick’, unha adaptación da coñecida novela de Melville pensada para todos os públicos.  A entrada será de balde.

Xa pola noite, ás 21:00 horas, tamén na Praza da Pulida e con acceso libre, será a quenda da danza tradicional galega con ‘Un baile ceibe’, da Compañía de Danza Fran Sieira.

O luns 4 de agosto a actividade trasládase ao Auditorio Municipal, onde se ofrecerán dous espectáculos. Ás 12:00 horas, Teatro dos Ghazafelhos e Magín Blanco presentarán ‘A nena e o grilo camiño das cores’, unha proposta para o público familiar con entradas por 1,50 €. Pola noite, ás 22:00 horas, Malasombra Producións representará ‘Testosterona’, unha peza para todos os públicos con entrada por 6 euros.

A xornada do martes 5 de agosto arrincará ás 12:00 horas co espectáculo familiar ‘A nova historia da cigarra e a formiga’, da compañía Teatro del Andamio, cun prezo de 1,50 euros. Xa pola noite, ás 22:00 horas, o Grupo Chévere porá en escena ‘As fillas bravas de Momán 2025’, unha peza dirixida ao público adulto con entradas a 6 euros e que se representará tamén en lingua de signos. Antes da función, o grupo recibirá o Premio do Público Adulto 2024.

A programación continuará o mércores 6, ás 12:00 horas, coa Compañía Píscore e o seu espectáculo ‘Molto Barroco’, unha proposta para toda a familia con entradas a 1,50 euros. A entrega do Premio do Público Infantil 2024 á compañía terá lugar antes da función. Xa pola noite, ás 22:00 horas, a Compañía Berrombambán ofrecerá ‘Ubasute’, unha peza para público adulto con entradas por 6 euros.

O xoves 7 de agosto, ás 12:00 horas, Naúfragos Teatro subirá ao escenario do Auditorio Municipal con ‘Bule bule’, unha peza de teatro familiar con entradas a 1,50 euros. Pola noite, ás 22:00 horas, presentarase ‘Nada se sabe’, de Culturactiva Producións, unha obra coproducida polo Centro Dramático Galego e interpretada por persoas con discapacidade. O espectáculo terá entradas por 6 euros.

Xa o venres 8, ás 12:00 horas, Caramuxo Teatro representará ‘Crisálida’, unha proposta para público familiar con entradas por 1,50 euros. E pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda de ‘Arte sen guión’, da Compañía Galeteatro, tamén en coprodución co Centro Dramático Galego. Este espectáculo conta con entradas por 6 euros.

A clausura da Mostra chegará o sábado 9 de agosto con dúas funcións de circo ao aire libre na Praza da Pulida, ambas con entrada de balde. Ás 12:30 horas, o grupo Zirko Txosko presentará ‘Oh Pera!’, e ás 21:00 horas, pechará a edición o espectáculo‘Rogelio III. La Fête’, da Agrupación Assircopatas.

Enlace de consulta programación Cariño Mostra de Teatro Galego

Lea también

Cariño celebra la XXII Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada con casi 2.000 raciones previstas

El servicio de platos empezará a las 13:30 horas, aunque la venta de tickets se …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *