A Concellería de Promoción Económica de Narón vén de completar a primeira fase do proxecto “Dinamización da Anguía do Xuvia”, impulsado pola área que dirixe Pablo Villamar e presentado ante o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro –GALP- Golfo Ártabro Norte ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo correspondentes ao presente ano, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
O proxecto presentado polo Concello de Narón foi aprobado polo GALP a finais do mes de agosto e está estruturado en dúas anualidades, ademais de incluír unha serie de iniciativas complementarias que recibiron o apoio económico do propio Concello.
Así, a iniciativa “Dinamización da Anguía do Xuvia” recibirá do FEMP un total de 42.955 euros. Na primeira anualidade, correspondente ao presente exercicio, destínanse algo máis de 7.000 euros, cos que o Concello realizou un traballo de campo e a recollida de documentación sobre a importancia histórica desta especie e as posibilidades que achega ao sector da hostalería do municipio, así como o rexistro e creación da marca “Anguía do Xuvia”. Esta fase xa está concluída.
O vindeiro ano, o Concello de Narón recibirá o resto do financiamento -35.937 euros- para a elaboración de diferentes contidos audiovisuais; o deseño e impresión de folletos informativos; a creación da rede de establecementos de hostalería de Narón co distintivo “Anguía do Xuvia” –que inclúe ademais os servizos de organización, formación e asesoramento-; ademais da promoción e divulgación do propio proxecto, como a produción de merchandising destinado aos citados establecementos.
O compromiso do Concello con este proxecto sobardou os límites da iniciativa financiada polo FEMP. Así, a área de Promoción Económica organizou en setembro un curso formativo de preparación de elaboracións con anguía da ría a cargo do cociñeiro Roberto Filgueira, propietario do restaurante O Balado de Boqueixón e experto en preparación de anguía. Dúas semanas despois, do 9 ao 15 de outubro, púxose en marcha a “Semana da Anguía”, na que se implicaron unha ducia de establementos de hostalería do municipio que durante eses días ofertaron pratos ou elaboracións coa anguía como ingrediente principal.
No seu conxunto e dentro da prioridade 4 do FEMP –“Incrementar o emprego e a cohesión territorial”-, o proxecto pretende acadar o obxectivo específico do FEMP de fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e a acuicultura, así como a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.
Sí…. todos conocemos las típicas anguilas del río Jubia… cómo no!