Últimos días para presentar obras ao “IX Concurso de Pintura Cidade de Narón”

As persoas interesadas en presentar algunha das súas obras ao “IX Concurso de Pintura Cidade de Narón” dispoñen de prazo ata o vindeiro venres, día 10, para entregalas nas instalacións do Pazo da Cultura. Os traballos recolleranse en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 e a ficha de inscrición pode descargarse da páxina web do Padroado –www.padroadodecultura.es– e do Concello –www.naron.es-. O certame repartirá un total de 2.850 euros en premios nesta novena edición, tal e como se recordou desde o Padroado da Cultura.

Os participantes dispoñen de dúas categorías, unha de adultos (a partir de 16 anos) e outra infantil (ata 15 anos), se ben esta última non optará aos premios en metálico da convocatoria. As bases estipulan que cada autor só pode presentar unha obra, que debe ser orixinal e con temática e estilo libres. Un xurado encargarase de valoralas, para conceder tres premios de 1.500, 750 e 400 euros ás tres mellores, respectivamente, e outro dotado con 200 euros, o Premio Especial Francisco Criado, que se convoca en recordo dun pintor xa falecido e veciño da parroquia naronesa de San Xiao.

As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón e todas as finalistas permanecerán expostas do 13 ao 23 de novembro no Pazo da Cultura. Este último día, coincidindo co Día de Narón, entregaranse os premios nun acto que se celebrará ás 20.00 horas no Pazo. No transcurso do mesmo tamén se dará un detalle participativo a todas as persoas que se presenten ao certame, tal e como se indicou desde o Padroado da Cultura.

Lea también

O Plan de Sostibilidade Turística para Xeoparque Cabo Ortegal inicia actuacións de mellora

O Plan de Sostibillidade Turística Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal liderado pola Deputación de Coruña e …