jjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR
Hei d-ir de xolda a Canido
e falar, moza, contigo.
Pérez Parallé
Como ocorre na maioría das cidades, a historia de Ferrol e o seu Patrimonio Cultural non se pode comprender sen ter en conta a evolución dos seus barrios, a súa memoria popular e as tradicións dos seus veciños. O fulgor neoclásico da urbe semella tapar os nosos ollos, xa que logo cumpre lembrar que o coñecido barrio ferrolán de Canido é un bo exemplo do esquecemento dos barrios e, como pasa noutros casos da cidade, vai sufrindo co tempo a perda física e inmaterial da meirande parte dos seus sinais de identidade.
Canido celebra nestas datas a Festividade dos Maios, festa de gran tradición popular. O barrio alto da cidade conserva un singular Patrimonio inmaterial baseado en arraigadas tradicións herdadas da súa orixe rural, celebrando os Maios e a Festa da Santa Cruz. Os ritos e costumes das festas do mes de Maio son a herdanza de antigos cultos agrarios conservados en moitas comunidades agrícolas europeas, costumes que a Igrexa integrou dentro dos seus ritos relixiosos, convertendo Maio no Mes das Flores e celebrando a festividade da Exaltación da Santa Cruz.
Mentres aínda hoxe segue o mantido costume de adobiar con flores e follas o secular cruceiro da praza de Canido ao tempo que se levantan unha serie de pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, perdeuse a meritoria iniciativa levada a cabo anos atrás polos pintores de Canido, enchendo de variadas versións das Meninas velazqueñas as súas rúas nun sobranceiro exemplo de posta en valor do barrio e de humanización dos espazos urbanos en perigo de degradación.
En curioso contraste, neste intre certas rúas de Canido están a ser o laboratorio de ensaio das ocorrencias municipais no eido da dotación do chamado mobiliario urbano. Ocorrencias como a colocación nas rúas dunha especie de mamparas iluminadas para a protección dos peóns (que na noitiña semellan a Santa Compaña), duns artefactos que non se coñece se son aparcadoiros de bicicletas ou algunha outra cosa similar, ou dunha serie de reixas que arrodean os árbores alí chantados, todas elas semellan que se inspiran en deseños posmodernos baseados nas Meninas.
Finalmente quixera falar de novo da vergoña da desaparición do Cristo da Tahona, sinal de identidade do barrio de Canido, o monumento máis antigo do patrimonio ferrolán e unha xoia sobranceira dos cruceiros medievais galegos. Despois de ser maltratado durante moitos anos polas anteriores corporacións municipais de Ferrol, durante o mandato do desafortunado concelleiro de Cultura actual,
foi levado a unha exposición no medio do monte Gaiás onde estivo colocado nun “pallet” como os usados para o transporte das mercadorías, e hoxe, unha vez rematada a dita exposición, ninguén informa onde se atopa o Cristo errante.
Juan muy buen comentario de las fiestas de canido del antaño.Un saludo