A Deputación da Coruña premia 20 iniciativas nos Premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social

Un total de 20 propostas da provincia recibirán axudas de ata 6.750 euros tras a avaliación dun xurado presidido pola deputada de Cultura, Natividade González. En total, o certame repartiu 90.000 euros en axudas.

A Deputación da Coruña vén de publicar as 20 iniciativas recoñecidas na segunda edición do Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social, dirixida a recoñecer e financiar iniciativas culturais que destacan polo seu impacto comunitario, a innovación e a promoción da inclusión. 

O xurado – presidido pola deputada, Natividade González e formado por Alberto Pombo, Ángel Arcay Barral e Sandra Romero García coa xefa do servizo de cultura, Manuela Muñiz, como secretaria – seleccionou un total de vinte proxectos que recibirán contías económicas distribuídas en catro tramos segundo a puntuación obtida.

A resolución desta convocatoria premia a calidade técnica, o compromiso social e a diversidade das linguaxes artísticas presentadas, que van desde o audiovisual e a creación transmedia ata as artes escénicas, os videoxogos educativos e a recuperación do patrimonio inmaterial. A contía dos galardóns sitúase entre os 2.250 e os 6.750 euros, co obxectivo de impulsar iniciativas con forte enraizamento no territorio e capacidade de transformación social. En total, a Deputación reparte nestes premios 90.000 euros en axudas.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou o “excelente nivel e a variedade das propostas presentadas” nesta segunda convocatoria, sinalando que “a cultura debe entenderse como un motor fundamental para a cohesión, a igualdade e o benestar colectivo na provincia”. Así mesmo, González subliñou o compromiso da Deputación “con aqueles proxectos que poñen o foco no diálogo intercultural, a memoria histórica, a diversidade funcional e o traballo directo no eido educativo e comunitario”.

Proxectos premiados

Na categoría máis alta, correspondente aos cinco proxectos con mellor valoración e dotada con 6.750 euros para cada un, situáronse a proposta sobre a memoria no barrio da Agra do Orzán da Coruña titulada ‘Memoria migrante en movemento’ de Juan Pablo Rodríguez Santiago; o programa de mediación sobre o fin prematuro da infancia ‘CLIC’ presentado por Culturactiva; o proxecto de memoria mariñeira na Costa da Morte ‘A Rede do Mar’ de Antena; a iniciativa ‘Rupestre Sonoro’ de Noente Paradise e as residencias artísticas para persoas con discapacidade ‘VIVAS’ da cooperativa Artefeito.

O segundo tramo de premios, con axudas de 5.250 euros por iniciativa, recoñeceu ao proxecto de contos e música para a inclusión ‘Cintas de cores. Contos e música para a inclusión’ de María Irene Quinteiro Blanco; a iniciativa de recuperación do patrimonio inmaterial ‘Arquivos Vivos’ de Carmen Purificación Ripamonti Mondelo; a proposta sobre arquitectura popular ‘A arquitectura sen arquitectos, do Cebreiro a W 57th st’ de Arraianos Producións; a obra escénica sobre accesibilidade e comunidade xorda ‘Somos os monstros’ da compañía Berrobambán; e o traballo documental ‘Mulleres Barbanza Arousa’ de Pablo Chouza López.

No terceiro bloque de galardóns, que outorga 3.750 euros a cada proxecto, resultaron elixidas a iniciativa de divulgación de petróglifos con accesibilidade visual ‘A Pedra que fala’ de Martela Films; o programa educativo ‘Círculos de comunidade na escola’ da cooperativa Azul Mais Verde; o videolibro e guía sobre memoria LGTBI na terceira idade ‘Vidas de vidro’ de Promove Consultoría; a sátira audiovisual e videoxogo sobre turismo ‘O noso pasar: A nosa fantasía’ de Melgo Cinema; e o proxecto de investigación e participación comunitaria ‘Alcumes’ da cooperativa xuvenil A Furna.

Finalmente, a categoría dotada con 2.250 euros por proposta inclúe o programa de creación de videoxogos e innovación en lingua galega ‘O Demo Game Jam’ da cooperativa Proxecto Espiga; a iniciativa de integración do patrimonio inmaterial e creación sonora ‘Soños analóxicos’ de Sinsal Audio; o proxecto transmedia de memoria colectiva ‘Cerimonias’ de Cru Producións; a curta documental sobre maternidade e prematuridade ‘Canguro’ de Brava; e a recuperación audiovisual histórica ‘A vida borrada de Margot Sponer’ desenvolvida por Aqueladas.

Un total de 53 solicitudes concorreron a esta convocatoria, na que o xurado avaliou a solvencia dos equipos, a singularidade das propostas, a calidade técnica e, de xeito prioritario, o seu beneficio e impacto social real sobre a cidadanía.

Lea también

La ferrolana María Fidalgo, distinguida con la Hoja de Plata del Capítulo Serenísimo del Albariño

Entre otros condecorados, el Embajador de China Yao Ying, por la concesión de la fábrica …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *