Narón declara de especial interese as obras do CRA Domirón e do centro da Asociación Nosa Señora de Chamorro

O Pleno ordinario do mes de xullo aproba por unanimidade declarar de especial interese e utilidade municipal as obras de mellora da cuberta e da impermeabilización do ximnasio do CRA Domirón–A Faisca, así como as de reparación da cuberta do centro da Asociación Nosa Señora de Chamorro no Val, o que permitirá aplicar a bonificación do 95 % no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), ao considerar que se tratan de actuacións de marcado interese social.

Na mesma sesión tamén se aprobou o convenio de colaboración entre os concellos de Narón e Ferrol e Augas de Galicia para formalizar a encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación de determinadas instalacións de saneamento e depuración que prestan servizo a ambos municipios. O acordo garante a continuidade da xestión destas infraestruturas e reforza a cooperación entre as administracións implicadas para asegurar un funcionamento coordinado e eficiente do sistema supramunicipal de saneamento.

Festivos locais de 2027

Outro dos puntos a tratar foi a proposta de designación dos dous festivos locais para o ano 2027, que serán o 24 de xuño, festividade de San Xoán, e o 23 de novembro, con motivo do Día de Narón.

Aprobación de convenios

A sesión plenaria aprobou os levantamentos de reparos suspensivos formulados pola Intervención municipal e varios convenios de colaboración correspondentes ao exercicio 2025 con diversas entidades sociais, ANPAs e centros educativos.

Mocións

Na quenda de mocións, prosperou a iniciativa de Tega e BNG para instar á Xunta de Galicia a modificar os criterios de adxudicación das prazas de comedor escolar, de maneira que o alumnado que xa dispoña do servizo teña prioridade na renovación da súa praza e que os criterios de admisión só se apliquen ás vacantes iniciais. Así mesmo, reclama a apertura dun proceso de diálogo coa comunidade educativa para revisar o sistema e garantir a conciliación familiar, a seguridade xurídica e o interese superior do menor.

Tamén se aprobou unha moción do Partido Popular para garantir o cumprimento da normativa de accesibilidade universal na piscina municipal do Couto, dotándoa de todos os medios técnicos necesarios para asegurar o acceso e uso por parte das persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional durante todo o horario de apertura.

Á proposta do BNG quedou aprobada unha moción para impulsar a creación do Centro de Información á Muller (CIM) de Narón na planta baixa do antigo centro de saúde, así como outra para instar á SAREB a desbloquear e adxudicar as vivendas protexidas vacantes das rúas Grove e Santa Tecla conforme á lista de reservas, e reclamando ao IGVS e ao Goberno do Estado medidas para garantir o cumprimento da normativa e o destino social destes inmobles.

Xa por último saiu adiante tamén unha moción proposta polo PSOE relativa á modernización, automatización e mellora da eficiencia da sede elcetrónica do Concello de Narón.

Lea también

Preto de 400 deportistas participan no «Trishark Narón» esta fin de semana

Narón convértese esta fin de semana na capital do tríatlon coa celebración do Trishark Narón …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *