A parroquia naronesa de Sedes converterase do 31 de xullo ao 2 de agosto no epicentro dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que recrea a vida comunitaria nos castros e que estrea xantar popular.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron este martes na Campa do Trece, na parroquia de Sedes, a vixésimo sexta edición do Oenach Atlántico, acompañadas por representantes da AVV Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, integrada por veciñas e veciños da parroquia. A cita, de carácter etnográfico e cultural e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2014, rememora un ano máis a vida comunitaria nos castros.
Durante tres días, a parroquia naronesa transfórmase nunha aldea castrexa viva, con olería, cestería, talla en madeira e pedra, coiro e téxtil elaborados a man polos numerosos artesáns que cada ano se dan cita neste evento que inclúe múltiples obradoiros infantís e xogos populares, entre otras actividades. A cociña tradicional de bólas de tixola, amasado de pan e liscos forman tamén parte da recreación nun espazo gastronómico que conta cun amplo aparcadoiro. «O Oenach é xa unha referencia do noso calendario festivo e un exemplo de como a veciñanza de Sedes mantén viva a memoria dos nosos devanceiros», sinalou a rexedora.
A programación principiará o venres 31 de xullo coa apertura, ás 18:00 horas, da Feira de Artesanía e o Mercadiño Artesán. Coa caída da tarde, ás 21:30 horas, chegará o acendido de lumes que dá por inaugurada oficialmente a festa, para pechar a xornada cunha Noite de Música Galiciana protagonizada por Abril e Lenda Ártabra ás 22:00 horas.
O sábado 1 de agosto será a xornada de maior actividade. Dende as 11:00 horas convivirán a feira artesá e o Castro Miúdo e o espazo de xogos e obradoiros pensado para os máis pequenos. Ao mediodía, Galeatro porá en escena a súa proposta teatral. O espazo gastronómico abrirá ás 14:00 horas e, xa pola tarde, o encontro de bandas de gaitas e o teatro familiar «A Viaxe Feliz de Ramón Sanfiz«, a cargo de Fantoches Baj, darán paso ao momento máis agardado por moitos: a «Noite do Castro«. Ás 22:30 horas, a Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes subirá ao castro de Eiravedra coa recreación parateatral «Aurum Terra«, antes de rematar a noite cunha degustación de liscos e chourizos.
A gran novidade desta edición chegará o domingo 2 de agosto. O Oenach estrea este 2026 un xantar popular que reforza a aposta gastronómica da festa. Tras a reapertura da feira artesá, o Castro Miúdo e unha Mostra de Razas Autóctonas centrada no can de palleiro, da recreación teatral «Lendas castrexas» na Campa Castrexa e o vermú do Oenach con concerto de Meninos do Pandeiro, o recinto abrirá ás 14:00 horas as súas mesas para quen queira sentar a comer. O menú inclúe costeletas de porco celta e chourizo con cachelos hamburguesa de porco celta para os máis pequenos—, tarta de Narón, café de pota e chopo de licor, a prezos populares. Os tickets estarán á venda na propia festa.
A tarde do domingo, e coa ela toda a edición, botará o peche cos xogos populares, a representación de Teatro dos Ghazafelhos e a tradicional recreación na Campa Castrexa que porá fin ao Oenach ás 19:00 horas.
Dende o Concello animan a veciñanza e os visitantes da comarca de Trasancos a achegarse a esta cita e a gozar da variada programación que se sucederá durante os tres días na parroquia de Sedes. Así mesmo, a edil de Turismo quixo agradecer «a grande implicación, un ano máis, das veciñas e veciños de Sedes que traballan ao longo de todo o ano para poder levar a cabo esta convocatoria poñendo en valor a nosa historia e o noso patrimonio cultural”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.