EcoMarket de Equiocio Ferrol aposta por firmas sostibles e do territorio

Nove marcas participarán cos seus produtos durante as 4 xornadas do evento de 11 a 20 horas, e tamén, ofrecendo obradoiros creativos gratuítos.

 

Equiocio Ferrol volverá albergar o seu EcoMarket do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas. Nove firmas maioritariamente da comarca, que comparten procesos artesanais de elaboración e a sostibilidade como filosofía, participarán desta volta na cita ofrecendo os seus produtos. Son “La Frambuesita”, “Celta Natural”, “15405”, “Sintonía Creativa”, “Artabria”, “Aloumiño de Cera”, “Its Luna Limón” e “Nómadas 24/7”.

Abrirán nas catro xornadas de 11:00 a 20:00 horas, aínda que poderían estirar horarios en función da programación de cada día. O público poderá atopar dende moda e complementos ata cosmética natural e candeas, ademais de bebidas funcionais e pastelería creativa. Son firmas únicas e singulares, e algunha delas, mesmo compartirá os seus procesos co público a través de diferentes talleres durante as catro xornadas.

Todos eles, de balde para a cidadanía, prazas limitadas e inscrición previa nos postos. En concreto, celebraranse os seguintes obradoiros:  Lettering con café con Ricotelia. Creación de Xoias con Sintonía Creativa. Coida a túa pel con aloe vera con Celta Natural. Os beneficios das plantas da túa contorna con Celta Natural. Orde, organización e cambio de armario con Arrumar. Iniciación ao mundo do café con Cafés Aruba.

SOBRE AS MARCAS LA FRAMBUESITA é un obrador de pastelería artesanal especializado na creación de produtos personalizados, únicos, artesanais e de alta calidade, pensados para facer de cada ocasión unha experiencia especial.

CELTA NATURAL é un proxecto que nace do amor pola natureza, o benestar consciente e a necesidade de volver ao esencial. Ofrece cosmética natural e outro tipo de produtos como candeas artesanais.

15405 é unha marca de accesorios, con especial atención ao universo do bolso. O nome fai referencia ao código postal de Serantes, barrio de Ferrol onde nace o proxecto e dende onde se constrúen as súas raíces, esencia e xeito de entender a creación. Traballa principalmente con bolsos de pel de alta calidade, concibidos como pezas únicas que poden transformarse e personalizarse segundo os gustos e identidade de cada persoa. Conta tamén cunha selección de pequenos accesorios.

SINTONÍA CREATIVA crea pezas únicas con anillas de diferentes medidas, que ensamblan unha a unha. Gran parte do traballo realízase mediante a técnica cota de malla e puntos do tecido medieval. Deseñan colares, pulseiras, pendentes, tocados medievais, cintos, figuras decorativas… integrando cristais, perlas e abalorios en aceiro.

ARTABRIA é unha marca ferrolana adicada a crear bebidas funcionais que melloran o benestar e calidade de vida dende o interior. Ofrecen solucións efectivas, accesibles e respaldadas pola ciencia.

ALOUMIÑO DE CERA elabora candeas artesanais con cera de soia 100% natural e unha coidada selección de esencias únicas, creadas para espertar emocións, evocar recordos e encher cada espazo de calidez. Cada candea está feita a man con adicación, combinando ingredientes de calidade, deseños exclusivos e aromas especiais.

ITS LUNA LIMON é unha marca galega de artesanía contemporánea especializada en complementos de macramé feitos a man e personalizados. Cada peza nace da unión entre tradición, deseño e sostibilidade, convertendo cada creación nalgo exclusivo e único. Inspirada no estilo de vida slow, aposta por unha produción artesanal, cercana e consciente, onde cada deseño conta unha historia e reflicte a personalidade de quen o elixe.

NOMADAS 24/7 é unha marca de roupa urbana deseñada para persoas que viven sen pausas nin regras, cun estilo versátil para calquera momento do día. Ofrece camisetas, sudaderas e gorras que reflicten unha actitude libre, auténtica e sempre lista para a próxima aventura. Ademais, Nómadas 24/7 ofrece opcións de personalización permitindo adaptar os deseños a estilos, cores e mensaxes propios sen perder a esencia audaz da marca -facendo cada peza única-.

THE VECINA é unha marca emerxente de xoias de aceiro inoxidable, nada da súa paixón polo deseño, os detalles a autenticidade. A súa visión combina cercanía, creatividade e unha coidada selección de xoias elaboradas a man pensadas para acompañar en momentos especiais e no día a día.

Equiocio Ferrol conta neste 2026 como patrocinadores principais con Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia e Integral Motion, así como colaboradores como Sogama ou a Comunidade de montes veciñais en man común Covas–Esmelle.

Lea también

Ferrol conmemora el Día Internacional de las Mujeres Rurales

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ha participado en el acto conmemorativo del …